A web oficial do concello de Carballo

A Aula CeMIT de Carballo, sede das probas para a obtención do certificado galego de competencias dixitais

A Aula CeMIT de Carballo volverá ser sede das probas de certificación para a obtención do certificado galego de comepetencias dixitais nos seus niveis de iniciación e intermedio. A convocatoria correspondente ao primeiro semestre do ano 2026 foi publicada no Diario Oficial de Galicia o venres 16 de xaneiro. Nesta ocasión convócanse os dous niveis na mesma publicación: iniciación e intermedio.

Como se indica na orde que regula esta certificación, as datas do exames publicitaranse un mes antes da súa realización, polo que de momento só se coñecen as do nivel iniciación do mes de febreiro, que son as seguintes:

  • Mércores, 25 de febreiro, de 12.00 a 14.00 h (20 prazas dispoñibles) 
  • Venres, 27 de febreiro, de 12.00 a 14.00 h (20 prazas dispoñibles)

As persoas que desexen participar nas probas de certificación deberán ser maiores de 16 anos e inscribirse na páxina web da rede CeMIT antes da finalización do prazo establecido.

Con carácter previo á inscrición é necesario darse de alta como usuario/a da Rede CeMIT, para o que é imprescindible facilitar unha conta persoal de correo electrónico. 

Os datos persoais cos que a persoa se inscriba na páxina web da Rede CeMIT serán os que se tomen de referencia durante todo o proceso de selección para a participación nas probas e a posterior emisión das certificacións. A Amtega non se fai responsable da emisión de certificacións con datos incorrectos por erros na inscrición ás probas. 

O prazo para a inscrición será de dez (10) días naturais contados desde a data de inicio do prazo. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

En cada convocatoria só se poderá presentar unha solicitude por persoa participante para unha aula, un día e unha hora. As persoas que figuren rexistradas en máis dunha localidade ou quenda para o mesmo mes de probas o día de finalización do prazo de inscrición serán excluídas automaticamente do proceso de participación.

As probas de nivel Intermedio están previstas para finais de Abril, polo que o prazo de inscrición iniciará 1 mes antes (aprox.) e a segunda convocatoria para as probas de nivel iniciación serán no mes de xuño (mediados) polo que o prazo de inscrición será mediados de maio 2026.