Os concelleiros Luis Lamas, Daniel Pérez, Miguel Vales e Ramón Varela achegáronse ata a zona en obras da travesía de Sísamo, onde se traballou estes días no aglomerado. Despois das festas do Apóstolo, patrón da parroquia, o proxecto entrará na recta final para completar o acondicionamento dos 2.570 metros de vía que une a vila de Carballo co núcleo do Outeiro.
A terceira e última fase, que é a que executa neste momento a empresa Vázquez y Reino, abrangue 1.760 metros, ao longo dos cales non só se está a mellorar a mobilidade peonil e rodada, senón que tamén se están a dotar as parcelas lindeiras, nas que se están construíndo numerosas vivendas, dos servizos necesarios: abastecemento de auga, saneamento, recollida de augas pluviais, infraestrutura eléctrica de media e baixa tensión, iluminación pública, telefonía e cable. A actuación complétase coa pavimentación de beirarrúas e calzadas, a instalación de mobiliario urbano e o axardinamento.
A reforma integral deste treito da estrada provincial DP1901 ten un orzamento de 2.279.527,63 euros, financiados nun 72% pola Deputación da Coruña e nun 28% polo Concello.




