A web oficial do concello de Carballo

As criaturas, lendas e misterios de Galicia fanse arte na exposición “O susurro dos antergos”: até o 18 de agosto no Pazo da Cultura


Sete artistas de Carballo e da comarca de Bergantiños artellan a exposición colectiva “O susurro dos antergos”. Unha mostra que marca cada ano o comezo das festas do San Xoán e que conta coa ollada de artistas ben coñecidos do panorama artístico que unen a súa creatividade arredor do mesmo leitmotiv: a mitoloxía galega. O público que se achegue a visitala atopará obras de Milagros Cotelo, Cristina Castro, Isabel Soutullo, XMÑ (Maribel Castiñeira), Loli España, Luís Pesce e Mon Lendoiro.

Na noitiña do xoves 18 de xuño celebrouse a inauguración, que comezou cunha orixinal performance que, a modo de aquelarre, convidou aos presentes a desfrutar desta expresión artística a través da pintura, da escultura, da instalación, da performance e mesmo do teatro. Así a mostra mergúllase na riqueza da rica mitoloxía de Galicia, dando vida aos seus seres, lendas e simboloxías. A exposición crea un espazo sensorial onde o pasado e o presente dialogan. Un convite a escoitar as voces antigas que aínda latexan na nosa memoria colectiva.

Un dos artistas, Mon Lendoiro, quixo explicar as claves da mostra: “Nas nosas fragas, nos nosos camiños, no mar, e mesmo na néboa, habitan mouras, meigas, trasnos, lobishomes e a Santa Compaña, xunto a outros seres que forman parte da nosa memoria colectiva. Detrás desta historia non hai só fantasía, hai séculos e séculos de tradición oral e pegadas das culturas celtas, suevas e romanas, e a necesidade humana de comprender a existencia do mundo”. Para os artistas participantes, todas estas historias “falan dos nosos medos máis profundos, dos nosos desexos, da relación coa natureza e da procura constante do sentido. Por iso estas criaturas seguen vivas, porque máis alá dos contos, representan emocións e experiencias humanas que continúan acompañándonos hasta hoxe”. Así que convidou á veciñanza a “cruzar esa fina fronteira entre o real e o imaxinado, entre o que vemos e o que intuímos, porque tal vez a pregunta máis importante non sexa se estas historias existiron realmente, senón que parte delas segue habitando dentro de nós“.

Conexión coa terra

O alcalde de Carballo, Daniel Pérez, quixo subliñar o traballo dos participantes: “Vós sodes a máxima exposición da vangarda cultural e o tesouro que que temos aquí en Carballo, os artistas que ano tras ano coas vosas obras facedes posible exposicións coma coma estas”. Pérez quixo tamén resaltar o afán colaborativo da mostra, porque “esta creatividade, esta capacidade de comunicar soamente é posible cando o individual se une ao colectivo”. “Vós traballades todos xuntos para acadar o que desde logo é unha expresión de conexión coa terra, de conexión con ese Monte Neme, con esa eira das meigas e coa nosa tradición. Tradición, presente e sobre todo futuro, que eu creo que é o importante”.

A concelleira de Festas, Maruxa Suárez quixo resaltar que este evento sempre “anuncia a chegada do San Xoán. Xa son moitos anos de de percorrido nos que os artistas, non só de Carballo senón da comarca póñense de acordo para facer unha exposición que teña un fío condutor. E este ano pois escolleron todo o que ten que ver coa noite máxica, esa noite na que o o veo cae”. Rematou, ao igual que o alcalde, lembrado o labor dos artistas: “Carballo non soamente programa cultura, senón que tamén crea cultura. E crea cultura grazas a que hai artistas como vós, que vos esforzades e poñedes un montón de ilusión”.

A mostra poderá visitarse até o 18 de agosto en horario de 17.00 a 20.30 horas no andar -1 do Pazo da Cultura. E como dicía o abondoso público asistente ao remate do acto “Viva o San Xoán e vivan as meigas!”.