O alcalde, Evencio Ferrero, foi o encargado de desvelar o segredo mellor gardado do San Xoán: as cantareiras de Carballo protagonizarán o primeiro pregón coral das nosas festas. Será o 19 de xuño, e servirá para poñer en valor, por unha banda, o traballo de conservación e transmisión da nosa cultura popular que veñen realizando as entidades culturais desde hai décadas, e, por outra, como dixo o alcalde, “o papel das mulleres rurais grazas ás cales se mantivo esa cultura popular”.
No nome de todas elas, Arume de Verdillo, Nemeth, Escola do Alprende e San Campio de Cances recibirán e renderán unha homenaxe “a esa cultura e tamén a esas mulleres que seguiron co lume aceso para que, como dicía Castelao, nunca falte nos nosos fogares nin nos nosos corazóns”.
A concelleira de Festas, Maruxa Suárez, e o presidente da Asociación Cultural San Xoán, Sergio Varela, foron os encargados de presentar o programa do San Xoán 2025, que se estenderá ao longo de dez días, do 19 ao 29 de xuño, cunha morea de actividades para todos os públicos. Podedes descargalo máis abaixo, e tamén pode recollerse impreso na Biblioteca Municipal Rego da Balsa, na casa do concello ou no mercado municipal, que foi o escenario da presentación.
No acto participaron tamén Belén Enríquez, de Opticalia Enríquez, que patrocina un ano máis o concurso do cartel e que fixo entrega do premio a unha representante do tándem gañador, composto por Andrea Espiñeira Focada e Rosalía Macías Tarrío, e Alberte Sánchez, deseñador da revista, que está á venda na Biblioteca Rego da Balsa. No vídeo podedes escoitar as súas intervencións.





