Ás portas do Samaín, e coincidindo coa decoración con cabazas das prazas de Galicia, da Cruz Vermella e do Concello, arrinca unha nova edición da campaña Presume de xardíns, na que contamos coa colaboración do centro especial de emprego Dixardín co obxectivo de fomentar o coidado e o respecto polas zonas verdes e os espazos públicos.
E un ano máis, dentro do programa de sensibilización medioambiental Catro estacións, convidamos aos nenos e nenas a participar na decoración dos xardíns con cabazas decoradas para implicalos no coidado das zonas verdes, tanto dende unha perspectiva medioambiental como dende a promoción dunha conciencia cívica cara os bens comunitarios, e fomentando ademais a creatividade infantil.
Con esa finalidade habilitamos seis zonas, todas próximas a centros escolares, nas que atoparás carteis convidándote a deixar a túa cabaza: rúa Eduardo Pondal, rúa Campo da Feira, Parque do Anllóns, Parque do Chorís, o exterior do CEIP Nétoma-Razo e a praza de Sofán. Así seguiremos enchendo de cor eses espazos baleiros, utilizando ademais un elemento tan característico desta época de Samaín. E, se queredes, podedes compartir con nós as fotos das vosas cabazas e publicarémolas nas redes sociais do Concello de Carballo. Podedes envialas por Whatsapp, xunto cos vosos datos, ao 604 072 887.
Ademais da colocación das cabazas, nesta época os protagonistas dos xardíns municipais son os crisantemos, polo que poderedes ver numerosos exemplares de Chrysanthemum indicum en diferentes cores. Non deixedes de visitalos!


