A corporación aprobou no último pleno do ano o orzamento do Concello de Carballo para o 2026, que acada a cifra récord de 37.673.150 euros e convértese no máis alto da historia municipal. As contas saíron adiante cos 13 votos do BNG, mentres que o PSOE se abstivo e o PP votou en contra.
A concelleira de Facenda, Belén Lendoiro, defendeu un documento “realista e prudente”, cunha forte presenza de fondos europeos e cunha previsión de investimento destacada para 2026, ademais de reforzo do gasto social e da prestación de servizos. O goberno local anunciou tamén a concertación dun crédito de 889.318 euros para cofinanciar proxectos vinculados ao plan EDIL.
Desde o PSOE criticouse o endebedamento e advertiuse de riscos de execución e dependencia de transferencias doutras administracións. O PP cualificou o orzamento de “trámite” e acusou ao goberno de baixa execución e falta de planificación, ao tempo que reclamou máis atención ao rural e políticas en ámbitos como vivenda e promoción económica. O alcalde, Daniel Pérez, replicou que os fondos europeos se logran pola planificación e que o endebedamento é asumible.
Na mesma sesión, o pleno deu luz verde ao POS+Adicional 2026 para gastos sociais extraordinarios por 224.205,70 euros, e aprobou tamén por unanimidade o cadro de persoal de 2026 tras negociación na mesa correspondente. Saíron adiante, coa abstención de PSOE e PP, trámites vinculados ao futuro contrato de servizos enerxéticos do alumeado público e un recoñecemento de obrigas por facturas de exercicios anteriores por valor de 22.800 euros. Tamén se aprobou por unanimidade a compatibilidade parcial dunha docente entre os conservatorios de Carballo e Betanzos.
O pleno pechouse sen rogos nin preguntas e coa felicitación do ano novo a toda a corporación por parte do alcalde.