A web oficial do concello de Carballo

Alingua aproba o seu Plan de Acción 2026 cunha aposta pola profesionalización e o relanzamento de Apego

A asociación de entidades locais pola lingua galega, Alingua, que preside o concelleiro carballés Ramón Varela, celebrou este xoves a súa asemblea ordinaria, na que quedaron definidas as liñas estratéxicas que marcarán o rumbo da entidade durante este ano. A concelleira de Normalización Lingüística, Ángeles Pacoret, deu a benvida ás participantes ao noso concello, sede, unha vez máis, do encontro anual dos concellos participantes.

O Plan de Acción 2026 incorpora como principais novidades a creación dunha estrutura técnica de xerencia e o relanzamento do programa Apego no seu décimo aniversario.

A asemblea aprobou o informe de xestión e as contas correspondentes ao exercicio 2025, ademais de ratificar as cotas das entidades socias para o presente ano.

O acordo máis relevante no ámbito organizativo é a implantación dunha xerencia externa, que dotará a Alingua dunha arquitectura técnica estable e profesionalizada. Esta figura asumirá a xestión administrativa, económica e legal da asociación, e reforzará tamén a súa imaxe de marca e a coordinación entre os concellos integrantes.

Con este paso, Alingua consolida un modelo de gobernanza baseado na eficiencia, na transparencia e na mellora continua, co obxectivo de fortalecer a rede local en favor da lingua galega.

Apego cumpre dez anos

O programa de socialización lingüística na primeira infancia, Apego, centrará boa parte do esforzo operativo en 2026. Tras asumir recentemente a súa xestión directa, Alingua impulsará unha renovación integral do programa.

Entre as actuacións previstas destacan a creación dunha nova páxina web, a actualización e reimpresión dos materiais de benvida ás familias e unha campaña específica de relanzamento coincidindo co décimo aniversario. O obxectivo é reforzar o impacto social de Apego e ampliar o seu alcance.

O Plan de Acción 2026 contempla tamén o reforzo das colaboracións institucionais. No primeiro semestre organizarase un encontro entre empresas e familias en colaboración co Consello da Cultura Galega, co fin de conectar a demanda social coa oferta de produtos culturais e educativos en galego.

Así mesmo, continuará o desenvolvemento do proxecto “Modo galego, actívao!”, en colaboración coa Real Academia Galega, facilitando que os concellos interesados elaboren mapas sociolingüísticos escolares.

No ámbito dixital, incorporarase o proxecto “Cancións para medrar”, que ofrecerá recursos musicais con pictogramas para promover a diversidade e a inclusión.

Unha rede local máis ampla e cohesionada

Durante a sesión tamén se abordou a modificación de estatutos e o informe de altas e baixas, e formalizouse a incorporación do Concello de Arzúa. Con esta adhesión, Alingua continúa consolidando unha rede de entidades locais cohesionada e equilibrada territorialmente.

Ademais de impulsar novas iniciativas, o Plan de Acción 2026 permitirá dar continuidade a programas xa consolidados como Club de Debate, Enreguéifate ou Youtubeiras+, ao tempo que senta as bases organizativas para o período estratéxico 2027–2030.