O Concello de Carballo trata de facilitar a conciliación familiar durante as vacacións de Nadal con dous campamentos para nenos e nenas de 3 a 12 anos.
Por unha banda, durante todo o período vacacional funcionará, como é habitual, o servizo do programa Concilia, que se abre tamén a familias de nenos e nenas que non son usuarios/as habituais. O servizo estará operativo os días 22, 23, 24, 26, 29, 30 e 31 de decembro e 2, 5 e 7 de xaneiro, no horario habitual de 07.00 a 14.30 h, e cun custe de 8,24 euros ao día, incluído o almorzo. As familias terán que deixar e recoller os/as usuarios/as no establecemento O Recuncho dos Nenos, situado na rúa Barcelona, número 18, entrechán dereito.
En carballo.gal nova pode descargarse o impreso de solicitude de praza, que deberá entregarse debidamente cuberta no rexistro xeral do Concello de Carballo. O prazo remata o día 15 de decembro. Se algunha familia precisa máis información pode poñerse en contacto co Centro de Información á Muller (CIM) nos teléfonos 981 700 688 ou 688 123 460.
Pero, ademais, como xa vén sendo habitual durante as festas de Nadal, desde a Concellaría de Servizos Sociais e Igualdade habilitamos un servizo complementario, neste caso sen custe para as familias, na planta alta do mercado municipal. Dada a gran demanda recibida, que esgotou as prazas en poucas horas, habilitamos 30 prazas máis: 12 para a quenda do 22 ao 26 de decembro e 18 para a quenda do 29 de decembro ao 2 de xaneiro.
As familias interesadas deben seleccionar neste formulario a quenda preferente.