A web oficial do concello de Carballo

A Xunta de Goberno Local aproba de xeito inicial o plan especial que permitirá a implantación dunha área deportiva na Lagoa

A Xunta de Goberno Local aprobou de xeito inicial, na sesión ordinaria celebrada este 19 de maio, o Plan Especial de Infraestruturas e Dotacións (PEID) para a implantación dunha área deportiva na Lagoa.

O plan afecta a un ámbito de 81.551 metros cadrados, no que se realizará unha intervención urbanística cunha dobre finalidade: proxectar un espazo para novas instalacións deportivas, que resultan moi necesarias no noso concello, e aproveitar un entorno natural que se poida empregar para a práctica do deporte.

Para cumprir eses obxectivos, no PEID establécese o seguinte reparto:

  • EQ-1/EQ-2. Nestas zonas, que suman 25.356,35 m² (o 31,09% do total do ámbito), é onde se emprazarán as instalacións deportivas.
  • ZV/EL-1. Esta área, que quedará en estado natural, ten unha superficie de 37.751,45 m² (46,29% do ámbito total do plan) e destinarase á actividade deportiva programada con sendas peonís e pequenas explanadas para a práctica de deporte afeccionado.
  • PZ/EL-2. Trátase dun espazo libre de carácter urbano proxectado como praza pública e que conta cunha superficie total de 7.735,65 m² (un 9,49% do total).
  • AP-1/AP-2/AP-3. Estas zonas están destinadas a estacionamentos públicos, suman un total de 7.962,80 m² e contan cunha capacidade para 334 vehículos. Teñen unha dobre finalidade: ser utilizadas polas persoas usuarias das novas instalacións e tamén como aparcadoiros disuasorios ou de proximidade pola súa situación inmediata ao centro administrativo e comercial de Carballo.
  • VIARIO. O resto da superficie do ámbito, 2.744,75 m², está destinada a regularizar as vías existentes, completar a rúa Vila de Negreira cunha senda peonil e carril bici, dar continuidade á rúa Álvarez de Sotomayor e conectar coas rúas Lagoa e Bosque.

Unha vez aprobado de xeito inicial e tras a publicación no Diario Oficial de Galicia, o documento será sometido a información pública durante un prazo de dous meses para que as persoas interesadas poidan consultalo e, no seu caso, formular alegacións. As persoas titulares dos terreos afectados recibirán notificacións individuais. Así mesmo, de xeito paralelo solicitaranse os informes sectoriais preceptivos.