A web oficial do concello de Carballo

A VIII Challenge Junior Carballo reúne do 28 ao 30 de agosto a 120 ciclistas de Galicia, Asturias, Cantabria e Castela e León

Carballo volverá converterse esta fin de semana nun dos grandes escenarios do ciclismo de base coa celebración da VIII Challenge Junior Carballo, organizada polo Club Ciclista Carballo Vázquez y Reino e que reunirá entre o venres 28 e o domingo 30 de agosto a 120 ciclistas.

O prazo de inscrición pechouse este martes cunha participación que confirma a consolidación dunha proba que xa ocupa un lugar destacado nos calendarios galego e estatal. Na Challenge estarán representados 18 equipos de Galicia, Asturias, Cantabria e Castela e León, entre eles o Vázquez y Reino-Carballo, que competirá na casa con seis integrantes.

Na listaxe figuran tamén dúas corredoras sub-23, que participarán unicamente na primeira etapa, a contrarreloxo individual do venres. O regulamento permite nesta primeira xornada, de categoría autonómica, a participación de corredoras júnior, sub-23 e elite, mentres que as dúas etapas en liña posteriores son de categoría nacional e están reservadas á categoría júnior.

Na presentación da proba participaron o alcalde, Daniel Pérez, e o concelleiro de Deportes, Daniel Barreiro. En representación do club organizador acudiron a súa presidenta, Vanessa Loureiro, e a directora deportiva do equipo júnior Vázquez y Reino-Carballo, Nerea Suárez.

O concelleiro de Deportes, Daniel Barreiro, destacou que a Challenge «converte Carballo nun referente do ciclismo e, ao mesmo tempo, permítenos amosar o noso territorio e achegar á veciñanza o talento de ciclistas que, en moitos casos, veremos competir ao máximo nivel dentro de poucos anos». Barreiro agradeceu tamén «o enorme traballo que realiza o Club Ciclista Carballo durante todo o ano e, dun xeito especial, para sacar adiante unha competición destas características».

Pola súa banda, Vanessa Loureiro agradeceu especialmente o apoio continuado do Concello de Carballo, das empresas patrocinadoras e colaboradoras, das persoas voluntarias e dos servizos de seguridade e emerxencias, e subliñou que a Challenge é tamén «unha oportunidade para poñer en valor o noso territorio» e compartir a paixón polo ciclismo.

O alcalde, Daniel Pérez, quixo aproveitar a presentación para ter unha lembranza moi especial para Manuel Seoane, falecido hai uns días e estreitamente vinculado durante moitos anos ao Club Ciclista Carballo. «Esta Challenge vai ter inevitablemente un nome na memoria de todas as persoas que queremos o ciclismo en Carballo: o de Manolo Seoane. Foi unha persoa profundamente ligada ao club, ao ciclismo e ao deporte de base, e deixou unha pegada que seguirá presente durante moito tempo. Nestes días nos que Carballo volve encherse de bicicletas, de equipos e de xente nova que comparte esa paixón polo deporte, é imposible non acordarnos del. Esta edición tamén será, dalgún xeito, unha homenaxe á súa memoria e a tantos anos de dedicación e cariño polo ciclismo carballés», sinalou.

Tres días de ciclismo

A competición abrirase o venres 28 cunha espectacular contrarreloxo individual de 3 quilómetros entre Razo e Monte Neme. A saída estará situada no Paseo da Praia e o primeiro corredor partirá ás 19.00 horas, cun percorrido ascendente que rematará no Monte Neme.

O sábado 29 disputarase a etapa máis longa, de 107,6 quilómetros. A saída neutralizada está prevista para as 16.30 horas, cun percorrido que incluirá varios pasos pola vila e que levará o pelotón por Coristanco, Rus, A Agualada, Ardaña e Artes antes do regreso á meta, situada na Gran Vía. A xornada inclúe premios da montaña na Agualada e na Pifaíña, ademais de metas voantes en Carballo. Nesta etapa decidirase o Campionato galego de estrada 2026.

A Challenge decidirase o domingo 30 coa etapa Carballo-Pedra do Sal, de arredor de 95 quilómetros, con saída neutralizada ás 09.30 horas. O itinerario levará os corredores por Malpica, Buño, Razo, Lema, Rebordelos, Pedra do Sal, Imende, Pedrarrubia e Oza, entre outros puntos, antes da chegada final á Pedra do Sal. A etapa contará con varios premios da montaña e metas voantes.

A clasificación xeral da Challenge establecerase pola suma dos tempos das tres etapas e, ademais da clasificación individual, disputaranse as clasificacións da montaña, metas voantes, mellor júnior de primeiro ano e mellor corredor galego.

Cinco maillots para cinco liderados

A imaxe da Challenge volverá estar moi ligada ás empresas e entidades que fan posible a competición. Ademais da colaboración de Gestagua, que se une nesta edición ás empresas patrocinadoras da proba, os cinco maillots que distinguirán os líderes das diferentes clasificacións contan con patrocinadores específicos:

  • Maillot amarelo, líder da clasificación xeral: Concello de Carballo.
  • Maillot vermello, líder da montaña: Fundación Luis Calvo Sanz.
  • Maillot verde, líder das metas voantes: NorInver.
  • Maillot azul, mellor júnior de primeiro ano: Garaysa, que tamén patrocina o premio ao mellor equipo da Challenge.
  • Maillot branco, mellor corredor galego: Metalúrgica BB.

Estas cinco clasificacións e a orde de prioridade dos seus respectivos maillots están recollidas no regulamento oficial da competición.

As metas voantes contan, así mesmo, co patrocinio de Muebles Luis e Vázquez y Reino. Na etapa do sábado haberá metas voantes patrocinadas por Muebles Luis nos pasos por Carballo, mentres que o domingo a primeira delas, na avenida de Razo, estará patrocinada por Vázquez y Reino.

O Concello de Carballo mantén o seu apoio a unha competición plenamente consolidada, que combina deporte de alto nivel, promoción do ciclismo de base e proxección do territorio.