A web oficial do concello de Carballo

A veciñanza de Artes disporá dunha gran praza de 2.250 metros cadrados xunto á igrexa

O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; a concelleira de Cultura e Festas, Maruxa Suárez, e o concelleiro de Servizos, Miguel Vales, visitaron hoxe as obras do campo da festa de Artes, no que estamos a realizar un investimento de 149.523,33 euros dentro do Plan Único POS+.

A actuación, que executa a empresa Gestal y López, permitirá crear unha gran praza de 2.250 meros cadrados que servirá como espazo de lecer para toda a veciñanza e poñer en valor a igrexa parroquial.

O campo da festa contará cunha ampla zona pavimentada, con diferentes materiais para as zonas de uso rodado ou peonil, e na contorna da igrexa crearase un corredor de lastras de granito silvestre. Tamén está previsto o acondicionamento de 700 metros cadrados de zonas verdes con celosía de formigón, a plantación de 10 novas árbores e a instalación de cinco bancos.