O alcalde de Carballo, Daniel Pérez, e a concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Maica Ures, visitaron as instalacións da Unidade de Desenvolvemento Infantil e Apoio Familiar de Bergantiños (UDIAF-Bergantiños) para coñecer de primeira man os resultados da Memoria de Actividades de 2025. Durante a visita, as autoridades locais puideron comprobar a importancia deste servizo público e gratuíto que xestiona a Asociación Galega de Atención Temperá (AGAT) no noso concello.
Os datos correspondentes ao ano pasado falan por si mesmos:
- 155 familias atendidas
- 4.493 prestacións realizadas
- 4,86 / 5 de satisfacción global das familias
- 2 anos e 8 meses, de idade media de acceso dos/as usuarios/as
O alcalde e a concelleira destacaron a importancia da colaboración entre administracións e entidades para garantir un recurso vital para a comarca. A visita serviu tamén para supervisar as dúas novas salas de intervención que foron posibles grazas á ampliación das instalacións cedidas polo Concello de Carballo no edificio da avenida do Ambulatorio. Esta ampliación foi determinante para manter o ritmo asistencial, que se situou nunha media de 110 familias ao mes.
Durante o exercicio de 2025, a UDIAF realizou un total de 4.493 prestacións individuais. O traballo, desenvolvido por un equipo multidisciplinar de seis profesionais, inclúe sesións de apoio directo (3.229), valoracións (190) e acollidas (122). Ademais, o servizo mantén unha intensa rede de traballo con 88 recursos sanitarios, sociais e educativos da contorna.
Pola súa banda, as familias amosaron un altísimo grao de confianza no servizo, cunha puntuación global de 4,86 sobre 5. Os indicadores de acollida (4,92) e satisfacción coa intervención (4,92) sitúan á unidade de Bergantiños como un referente na atención temperá en Galicia.
Se precisas contactar coa UDIAF, toma nota:
- Avda. Do Ambulatorio, 39, Carballo
- Teléfono 881 946 410
- Correo: bergantinos@atenciontemprana.com