A última hora da mañá deste 4 de abril quedou aberta ao tránsito rodado e peonil a ponte da Casilla. A reapertura permitiu establecer, polo momento con sinalización provisional, a dirección única na rúa Fomento, que, tal como está previsto no noso Plan de Mobilidade, convértese nunha vía de saída da zona urbana.
De feito, unha vez rematada a obra de Augas de Galicia, a Concellaría de Mobilidade poderá iniciar nos próximos días un proxecto de urbanismo táctico que inclúe a sinalización da rúa, creación de zonas verdes, plantación de árbores e un carril bici. As obras teñen un orzamento de 40.000 euros e xa están adxudicadas á empresa Gestal y López.
A reapertura da ponte provocou inicialmente o desconcerto dos condutores, xa que, de xeito unilateral e invadindo unha competencia municipal, Augas de Galicia ordenou retirar a sinalización colocada pola empresa construtora seguindo as indicacións da Policía Local, e deixar aberta a vía en ámbolos dous sentidos. O goberno carballés lamenta a intromisión do organismo autonómico, xa que a regulación do tráfico no ámbito urbano é unha competencia exclusiva do Concello de Carballo.
A Policía Local volveu colocar pola tarde a sinalización provisional que advirte aos condutores da prohibición de circular en dirección ao centro urbano.
Desde o goberno municipal lamentamos que por parte de Augas de Galicia non só se invadise unha competencia municipal senón que tamén se programase unha visita oficial á obra sen comunicación de ningún tipo ao Concello de Carballo, malia que ámbalas dúas administracións teñen asinado un convenio de colaboración para a execución das obras de prevención do risco de inundación nas beiras do Anllóns.
Por outra banda, expresamos a nosa satisfacción polo remate das obras da ponte, que permiten volver conectar as dúas marxes do río Anllóns e que o comercio da zona recupere a actividade económica, ao tempo que fan posible que sigamos avanzando nas medidas previstas no Plan de Mobilidade para que a zona urbana de Carballo sexa cada vez máis accesible, amable e segura.