Poñer en valor os núcleos rurais tradicionais e os elementos máis característicos e identitarios de cada parroquia é un obxectivo no que vimos traballando desde o Concello de Carballo a través de proxectos como a Praza do Pombal, unha proposta do arquitecto Carlos Seoane da que podemos gozar desde hai pouco máis dun ano na parroquia de San Miguel de Vilela e que vén de acadar un importante recoñecemento coa nominación aos Premios Arquitectura 2025, convocados polo Consejo Superior de los Colegios de Arquitectos de España (CSAE), en colaboración con COMPAC®.
Nesta edición presentáronse 456 propostas que abarcan as distintas disciplinas da arquitectura. Destas foron seleccionadas 201, e a finais de maio reunirase un xurado formado por arquitectos/as de recoñecido prestixio para elixir as finalistas aos premios. Os proxectos gañadores anunciaranse o vindeiro 3 de xullo no transcurso dunha cerimonia que se celebrará en Madrid.
Inicialmente presentáronse aos premios 32 propostas galegas, que foron avaliadas por un comité de selección designado pola xunta de goberno do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) e integrado polas arquitectas Mariña Sabela Jordán, Candelaria Cecilia López, e os arquitectos José Manuel Bermúdez e José Luis Gil Pita, que actuou como secretario dun xurado paritario que ademais cose xeracións diversas.

O xurado galego seleccionou 11 proxectos, entre eles a Praza do Pombal, “por minimizar o impacto ambiental mediante o uso de materiais locais, como é o granito silvestre, con gran dominio na estereotomía desta pedra, mediante a configuración dos diferentes espazos nesta pequena praza, desde os estáticos aos máis dinámicos. O material pétreo como nexo de conexión dos elementos etnográficos do lugar, unha pequena capela e un pombal, ademais de xerar unha resposta a modo de nodo veciñal, como punto de reunión para distintas actividades, tanto culturais como sociais, revitalizando, por tanto, o rural e os oficios de outrora que se seguen mostrando tan eficaces”, tal como recolle o fallo.
O proxecto, financiado polo Concello de Carballo con 250.000 euros, conseguiu a finalidade perseguida de dignificar ese espazo singular, presidido polo pombal cilíndrico tan identificativo da parroquia. Unha porta de barrotes de forxa, o mesmo material que se utilizou na varanda lateral, permite ver o impresionante interior do icónico pombal, que mesmo era descoñecido para algúns veciños, e que se conserva intacto.
Recuperar a relevancia do pombal e o protagonismo da antiga nogueira situada ao seu carón, como elementos centrais dun espazo público de calidade nun lugar de gran carácter e valor patrimonial e paisaxístico, era, precisamente, o gran obxectivo da actuación.
A proposta arquitectónica baseouse na creación dunha gran praza entre o pombal e a igrexa, totalmente accesible e convertida en lugar de encontro e celebracións comunitarias, con zonas de descanso, de pequenos espectáculos e de sombra. O arquitecto Carlos Seoane tamén tivo en conta a iluminación, que mellora a visibilidade nocturna e fai da praza un lugar atractivo tamén pola noite.