A web oficial do concello de Carballo

A PLIC 2026 bate o seu récord con máis de 2.260 libros vendidos e remata cunha valoración excelente por parte das librarías participantes

A Praza dos Libros de Carballo (PLIC) 2026 consolídase como unha das grandes citas culturais e comerciais do calendario galego tras pechar a súa última edición cun balance moi positivo. Segundo a enquisa realizada entre as librarías participantes, a feira acadou un novo récord de vendas, cun total de 2.261 libros vendidos e uns ingresos aproximados de 33.680 euros, superando os rexistros das edicións de 2025 e 2024.

As librarías coinciden en que os resultados estiveron “moi por riba do agardado” e destacan tanto o volume de vendas como a excelente resposta do público ao longo dos catro días da feira.

A valoración da organización tamén foi moi favorable. As persoas participantes consideran que as datas, a duración da feira e o espazo elixido continúan sendo os máis axeitados. A programación recibiu unha excelente acollida pola súa calidade e variedade, mentres que a difusión realizada, especialmente a través das redes sociais, foi valorada positivamente por todas as librarías.

Entre os aspectos máis destacados da PLIC figuran o ambiente creado durante a feira, a coincidencia co mercado semanal e coa feira dominical, as actividades infantís, a visibilidade que ofrece ás librarías e editoriais, así como a súa contribución á promoción da lectura e ao achegamento dos libros á cidadanía.

Outro dos datos máis salientables é o incremento do peso do libro en galego. Nesta edición, o 63,6 % dos exemplares vendidos foron en galego, fronte ao 36,4 % en castelán, porcentaxes que tamén melloran as cifras rexistradas na edición anterior. No top dos títulos máis vendidos en galego destacan Crónicas de Carballo, con 75 exemplares; Cadea de favores, con 41, e As malas ideas, Espigas queimadas e Follas de Carballo. En castelán, os libros máis demandados foron Murdoku nº 2, Escuela de Monstruos e Cadena de favores.

Ao longo dos catro días da PLIC desenvolvéronse unha trintena de actividades entre presentacións de libros, sinaturas, obradoiros, espectáculos infantís, concertos, contacontos, maxia, radio en directo, xogos populares e outras propostas para todos os públicos. A programación reuniu unha vintena de autoras e autores, ademais de ilustradores, músicos e artistas convidados, que contribúen a consolidar a Praza do Libro de Carballo como un dos principais escaparates da creación literaria galega.

A concelleira de Bibliotecas, Arquivos e Normalización Lingüística, Ángeles Pacoret, agradeceu a implicación das librarías, editoriais, autoras e autores, así como do público asistente, e destacou que “estes resultados demostran que a PLIC é moito máis ca unha feira do libro: é un proxecto colectivo que converte Carballo nun referente da promoción da lectura en Galicia. O récord de vendas e a excelente valoración das librarías anímannos a seguir traballando para facer medrar unha cita que beneficia ao sector do libro, dinamiza o comercio local e reforza o compromiso da veciñanza coa cultura”.

A concelleira subliñou tamén que “o éxito da PLIC é froito da colaboración entre o Concello, o sector libreiro, as editoriais e todas as persoas que participan na súa organización. O noso obxectivo seguirá sendo ofrecer unha programación de calidade e crear un espazo no que os libros e a lectura sexan protagonistas”.

A Praza dos Libros, en definitiva, continúa medrando tanto en impacto cultural como económico, e consolidándose como un espazo de encontro entre lectoras e lectores, librarías, editoriais e autores, e como unha ferramenta eficaz para a promoción da lectura e do libro galego.