A web oficial do concello de Carballo

A IX edición do Certame Micro-Escenas M2 do FIOT xa ten finalistas

A IX edición do Certame Micro-Escenas M2 do FIOT ten xa finalistas. O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo deu hoxe a coñecer os nomes dos espectáculos experimentais de pequeno formato que foron seleccionados como finalistas do certeme e que poderán verse este mes de outubro durante a celebración da 34º edición do FIOT.

Entre as 25 propostas recibidas, as 6 pezas seleccionadas (das cales, 5 serán estreas absolutas) son: Domitila, de Amparo Martínez; Só son unha moza com rabia, de Silvia Bátega; O novo, de Dani Blanco; Covers, de Corifeo Teatro; Alicia Wants To, de Bengala Teatro; e Gracias por su visita, de Uxía Algarra. Son propostas que xogan coas artes do movemento, o teatro físico, o teatro de obxectos, o teatro inmersivo, o teatro-clown, a performance cerámica…

O xurado de profesionais das artes escénicas desta IX edición do Certame Micro-Escenas M2 estivo integrado por Kirenia Martínez, mediadora cultural, directora, bailarina e coreógrafa; Camilo Franco, escritor, crítico teatral, xornalista e director de Culturgal; Alba Bermúdez, actriz e integrante da compañía Galeatro; Carmen Castro, directora artística do FIOT e xefa do Servizo de Cultura do Concello de Carballo; e Xiana Márquez, membro da organización do FIOT e monitora cultural da
concellaría de Cultura o Concello de Carballo, en calidade de secretaria do xurado e sen voto.

Novos formatos escénicos

O Certame Micro-Escenas M2 é unha iniciativa de teatro de proximidade, primeira creada en Galicia, que busca visualizar novos formatos e experiencias escénicas, así como apoiar a compañías e creadores emerxentes. As propostas finalistas neste 2025 poderán verse en espazos non convencionais e singulares de Carballo durante as fines de semana do #FIOT34: a tenda de fotografía e servizos dixitais Interfilm Carballo, o Parque das Camelias, a Residencia de maiores da praza de Vigo, a terraza do Pazo da Cultura ou a rúa do Sol. A entrada é libre ata completar a capacidade de cada espazo.

Sen medo, sen barreiras, sen artificios, sen rede. O Certame Micro-Escenas M2 é teatro mínimo, intenso, en primeiro plano, en cru; teatro que nos asalta desde o cotián, desde a proximidade, desde espazos comunitarios…, nun metro cadrado. Neste 2025, o público do FIOT poderá experimentar unha nova experiencia na que o público pode mirar aos ollos das actrices e dos actores e case tocar, ulir e mesmo saborear a peza, para continuar vivindo intensamente unha experiencia teatral diferente.

Deste xeito, esta IX edición do Certame de Micro-Escenas M2 do FIOT continúa apoiando a creación escénica de novos formatos e a compañías e artistas emerxentes, ofertando un espazo no que poder experimentar e investigar sobre os límites do feito teatral. A 6 pezas finalistas do certame neste 2025 recibirán unha compensación económica de 450 euros, ademais de optar, durante a celebración do FIOT, aos galardóns de Mellor Espectáculo e Mellor Interpretación, recoñecementos que outorgará o público fioteiro finalizado o evento e que suporán outro premio de 150 euros en cada caso. Ademais, unha das pezas será seleccionada para a súa exhibición na programación de artes escénicas de Culturgal 2026.

CALENDARIO DE REPRESENTACIÓNS DO IX CERTAME MICRO-ESCENAS M2

Sábado 11 de outubro
Ás 12.00h, 13.00h, 17.30h e 18.30h

AMPARO MARTÍNEZ
Domitila ESTREA ABSOLUTA
Lugar: Interfilm Carballo (avenida das Flores, 1, baixo)

SILVIA BÁTEGA
Só son unha moza con rabia ESTREA ABSOLUTA
Lugar: Parque das Camelias (rúa das Camelias, s/n)


Sábado 18 de outubro
Ás 12.00h, 13.00h, 17.30h e 18.30h

DANI BLANCO
O novo ESTREA ABSOLUTA
Lugar: Residencia de Maiores (praza de Vigo, s/n)

CORIFEO TEATRO
Covers ESTREA ABSOLUTA
Lugar: Pazo da Cultura (rúa do Pan, s/n)


Sábado 25 de outubro
Ás 12.00h, 13.00h, 17.30h e 18.30h

BENGALA TEATRO
Alicia Wants To ESTREA ABSOLUTA
Lugar: Rúa do Sol, 46

UXÍA ALGARRA
Gracias por su visita
Lugar: Terraza do Pazo da Cultura (rúa do Pan, s/n)

Un certame pioneiro en Galicia

O Certame Micro-Escenas M2 unha das súas principais liñas de programación do FIOT, que ofrece ao público a posibilidade de gozar de creacións escénicas experimentais en espazos non teatrais e singulares da localidade. Trátase do primeiro certame de microteatro que se realiza en Galicia, nacido ao abeiro do FIOT a pasada década como unha proposta específica de apoio á creación escénica de novos formatos e de compañías ou creadoras e creadores emerxentes. As e os artistas son quen de xerar, no marco dun gran festival, novas experiencias teatrais, de pequeno formato, en contextos non habituais para a representación escénica, que contextualizan e serven de escenografía natural da obra, nos que un número moi limitado de asistentes se sitúa a curta distancia dos intérpretes. Así, á vez que difunde e visualiza o traballo das creadoras, o certame ofrece cada ano ao público da comarca unha nova experiencia escénica, diferente ás habituais nos recintos: sen barreiras, sen artificios e desde a proximidade, que posibilita a captación de novos públicos e a implica á veciñanza en proxectos escénicos.

Ao longo destes nove anos, o Certame de Micro-Escenas M2 acadou un importante éxito en canto ás propostas recibidas, tanto polo seu número (313, sumando ás 25 pezas recibidas a concurso neste 2025) como pola calidade e diversidade das pezas; sendo quen de suscitar o interese tanto de creadores individuais coma de equipos (integrados por 3-5 persoas), da veciñanza ou mesmo dos axentes económicos, comerciais ou cidadáns de Carballo que colaboraron coa cesión de espazos. Na súa traxectoria, Metro Cadrado contou con funcións, entre outros puntos, nun lavadoiro municipal, no despacho do alcalde, nunha barbería, nas fiestras da Ludoteca Municipal ou mesmo no Salón de Plenos.