Carballo celebrou o venres 19 de decembro os I Premios do Deporte, unha iniciativa do Consello Deportivo Municipal cos que se pretende recoñecer as persoas e entidades destacadas polos seus logros deportivos e polo seu labor no fomento e na promoción da actividade física e o deporte no ámbito local.
O auditorio do Pazo da Cultura quedou pequeno. Pero non só se encheu de público, senón tamén de emoción, diversión e merecidos aplausos para todos e cada un dos nomes que foi citando o presentador da gala, o xornalista de orixe carballesa Luis Fraga, ao longo da noite. Foron todos estes:
- Premio á mellor deportista promesa carballesa: Lucía Ngnipa Nintedem, das Escolas Balonmán Xiria
- Premio ao mellor deportista promesa carballés: Brais Pensado Albertí, do club Sysca
- Na categoría de mellor deportista promesa carballés houbo unha mención especial para Anxo Fuentefría Fernández, da AD Fogar
- Premio á entidade máis distinguida pola súa colaboración co deporte carballés: Fundación Luis Calvo Sanz
- Mencións especiais ao compromiso co deporte: Luciano Calvo Pumpido e Evencio Ferrero Rodríguez
- Premio Carballo Deporte: Agrupación Deportiva Un paso máis
- Premio Pedras Brancas: compartido para o Bergantiños feminino sénior e o Lubiáns sénior Liga OK Bronce
- Premio Vida dedicada ao deporte: Gema Paz Bello
- Premio Arsenio Iglesias: Arturo Ferraces Martínez, director técnico deportivo da Escola Basket Xiria
- Premio ao mellor deportista carballés: Tomás Pombo Álvarez, ciclista do Movistar Team Academy UCI Continental
- Premio á mellor deportista carballesa: Ruth Fuentefría Sánchez, de Halterofilia Coruña
- Mención especial á mellor deportista carballesa: Elena Vázquez Brandón, do RC Deportivo da Coruña
Na entrega de premios participaron o presidente da Federación Galega de Balonmán, o carballés Bruno López; a presidenta da Federación Galega de Salvamento e Socorrismo, Nuria Rodríguez; o presidente da Federación Galega de Natación, Juan Carlos Brión; o deputado da área de Deportes da Deputación da Coruña, Antonio Leira; o vicepresidente da Deputación e concelleiro carballés Xosé Regueira; a directora territorial da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes na provincia da Coruña, Mar Ferreiro Broz; Arsenio Iglesias, fillo do mítico adestrador; os deportistas Esther Merino e Iván Raña; a presidenta do Club Ciclista Carballo, Vanesa Loureiro, en representación do Consello Deportivo Municipal; o concelleiro de Deportes, Daniel Barreiro, e o alcalde de Carballo, Daniel Pérez.

O alcalde agradeceu o traballo do tecido deportivo local, das entidades colaboradoras e das institucións que, dixo, “seguen apostando polo deporte como un dos piares fundamentais da nosa sociedade”. Daniel Pérez animou aos presentes a seguir traballando para que o deporte continúe sendo “unha ferramenta poderosa da sociedade” e cualificou coma unha honra participar nunha noite tan especial, “na que nos xuntamos como concello para recoñecer algo que nos define: o esforzo, a constancia, o compañeirismo e a paixón polo deporte”
Ao longo da velada tamén se sucederon as actuacións de novos talentos carballeses. O grupo de violíns do Conservatorio Profesional de Música, dirixido por Rosa Fernández Valdivieso, abriu a gala e case ao remate ofreceu como agasallo a todas as persoas premiadas unha versión do tema de Fredy Mercuri We are de champions. Pero non foi a única achega musical. Marta Méndez, de Cances, acompañada ao piano por Sergio Castellanos, deleitou ao público coa súa voz na interpretación de Negro caravel. E, como colofón, un grupo de ximnastas do club Rítmica Carballo, ofreceu unha marabillosa exhibición.















