A web oficial do concello de Carballo

A festa do deporte súmase ás celebracións patronais con máis de trescentos participantes no 3x3Carballo de hóckey a patíns

O alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Deportes, Daniel Pérez, acompañaron aos representantes de Escola Lubiáns na presentación do 3x3Carballo, o torneo de hóckey a patíns que se celebra en pleno San Xoán, desde o venres 27 ata o domingo 29 de xuño, e que nesta ocasión reúne nin máis nin menos que a máis de 300 xogadores/as de 76 equipos de Galicia, Asturias e Madrid.

A festa do deporte súmase ás festas patronais cun torneo de hóckey a patíns na modalidade de 3 contra 3 que ten como obxectivo fundamental fomentar a convivencia entre xogadores e xogadoras dos distintos clubs. Desde a organización, de feito, promóvese que as inscricións non as realicen as entidades, senón que se creen equipos entre deportistas de diferentes clubs.

Este ano haberá sete categorías: sub11, sub14, sub17, mixta, feminina, masculina e vellas glorias. “O máis importante é pasalo ben e compartir momentos tanto dentro como, sobre todo, fóra da pista. Con este espírito presente, aínda que conscientes da dificultade de adaptarnos ás necesidades de moitos equipos e de respectar os horarios dos máis pequenos, organizamos os partidos procurando que todos xoguen algún encontro o venres e tamén o sábado. O domingo quedará reservado para as finais”, explican desde Escola Lubiáns.

A competición arrinca o venres ás 17.00 horas, e durante toda a fin de semana haberá actividade no pavillón Carballo Calero. O 3x3Carballo rematará “o domingo pola mañá invitando á xente a visitar a Festa do Bosque”, apuntan.