Carballo acollerá do 6 ao 8 de marzo unha nova edición da Feira das Oportunidades (FOP2026), que este ano celebra a súa maioría de idade. O evento desenvolverase, como é habitual, na contorna do Rego da Balsa, coincidindo coa primeira fin de semana de feira do mes.
Organizada polo Centro Comercial Aberto (CCA) de Carballo, a cita consolídase como un dos grandes escaparates do comercio local, no que se ofrecen produtos de calidade a prezos moi competitivos, e contribúe a reforzar o papel do pequeno comercio como motor económico do concello e da comarca.
A feira, presentada este xoves na Praza do Concello, contará cun total de 30 stands distribuídos entre o espazo interior da carpa e a zona exterior. No interior habilitaranse 27 expositores, entre os que se inclúen unha ampla zona infantil e un posto de información do CCA Carballo. No exterior estarán presentes tres concesionarios locais, que exhibirán 41 vehículos de ocasión e KM0.
En conxunto, a superficie destinada ao evento superará os 1.500 metros cadrados, o que reflicte a dimensión dunha cita plenamente asentada no calendario comercial carballés.
Desde o CCA Carballo subliñan que a Feira das Oportunidades constitúe unha oportunidade única para fortalecer a conexión entre o comercio de proximidade e a cidadanía, dinamizar a actividade económica e fomentar un consumo responsable.
Iniciativas cun impacto directo na economía local
O alcalde de Carballo, Daniel Pérez, destacou na presentación que “o feito de que a Feira das Oportunidades alcance este ano a súa maioría de idade demostra que estamos ante unha cita consolidada e amplamente apoiada pola veciñanza. Son dezaoito anos impulsando o comercio local, xerando actividade económica e convertendo Carballo nun referente comercial na comarca. Desde o Concello seguiremos colaborando co Centro Comercial Aberto para fortalecer o noso tecido empresarial e dinamizar a vila con iniciativas que teñen un impacto directo na economía local e na vida social”.

Pola súa parte, o concelleiro de Feiras e Mercados, Ramón Varela, incidiu en que “a Feira das Oportunidades é moito máis ca un evento puntual de venda. É un gran escaparate do potencial do comercio de Carballo, unha oportunidade para que a clientela descubra establecementos, marcas e profesionais que logo a acompañarán ao longo de todo o ano. Serve para atraer público, fidelizar consumidores e proxectar a imaxe dun comercio moderno, competitivo e de proximidade que está vivo os doce meses”.
Un espazo para toda a familia
A programación incluirá tamén actividades específicas para o público infantil. A zona infantil, cunha superficie de 24 metros cadrados, contará cunha área permanente de xogos durante toda a fin de semana.
O sábado 7 desenvolveranse talleres gratuítos de globoflexia, pintacaras e animación en horario de 12.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.00 horas.
O domingo 8 celebrarase a IV Pequefeira, unha iniciativa xa consolidada que permite aos máis pequenos e pequenas converterse en comerciantes por unhas horas, poñendo á venda produtos artesanais elaborados por eles/as mesmos/as ou artigos de segunda man da súa propiedade. A actividade terá lugar de 12.00 a 14.00 horas e requirirá inscrición previa a través do correo electrónico info@ccacarballo.com, estando condicionada á participación dun número mínimo de persoas inscritas.
Comercios participantes
Interior da carpa
Akira; Anxaima Tempo para Quererte; Atelier; Atmósfera Sport; Benetton; Buy&Sell; Calzados Susa; DV Carballo; Federópticos Nicolás; La Casita de Lu; Madeixalazos; Maker Store by AllKNOW; Moda Suárez; Necos; O Barco dos Soños; Refugallo Zero; Son Artesana; Studio M. Muiño; Sweet Spirit; Upa! Espazo Barefoot; www.regalosypersonalizados.com; Xoguetería Merliño; Zocas e Zuccaro.
Zona exterior (automoción)
Grupo Dimolk (Peugeot-Nissan); Hyupersa Motor (Hyundai); Corgal Automóviles-Centauto (Kia-SWM).
Ademais, arredor dunha decena de establecementos sumaranse á campaña desde os seus propios locais: A Saia da Carolina; Comercial Queijo; Confecciones San Juan; D&A Complementos; Doces Soños; Ekaté; Emiliano Moda; Teirón; Zapatillería Isabel.
Desde o CCA Carballo agradécese expresamente a colaboración da Brigada Municipal de Obras, da Policía Local e da Agrupación de Protección Civil polo seu apoio na coordinación e posta en marcha do evento. A Feira das Oportunidades conta tamén co financiamento da Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña e o Concello de Carballo.
