A Concellaría de Innovación, Formación e Emprego pon en marcha o proxecto GastroFórum, que agrupará a partir de agora todo tipo de actividades relacionadas coa gastronomía, a alimentación e a restauración dirixidas aos diferentes sectores da poboación.
A modo de estrea, a semana que vén realizaremos dúas actividades para fomentar a afección pola restauración e, ao mesmo tempo, abrir as portas da Escola de Hostalaría a toda a veciñanza. Deste xeito, dentro das accións complementarias do curso de cociña que se esta a impartir no Fórum Carballo, e que forma parte do Plan formativo para o emprego da Comunidade Autónoma de Galicia, están programados dous talleres denominados Ven cociñar con nós!
O primeiro celebrarase o día 9 e vai dirixido a persoas maiores de 60 anos empadroadas no noso concello. Os/as participantes aprenderán o proceso completo de envasado de produtos da horta e do mar. O día 11 levarase a cabo outro obradoiro, neste caso para nenos e nenas de 9 a 14 anos, que poderán preparar unha pizza caseira e galletas tradicionais. Tanto nun caso coma noutro, os/as asistentes poderán compartir os pratos coas súas familias, xa que os levarán para a casa.
O profesor do curso de cociña do Fórum Carballo, Chisco Ramos, estará á fronte dos talleres, que se realizarán desde as 10.00 ata as 13.00 horas. As prazas son limitadas e as inscricións poden realizarse nos botóns inferiores.

