A web oficial do concello de Carballo

A Deputación impulsa en Carballo un centro experiencial para promocionar a gastronomía local nos mercados

O vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, e o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, asinaron un convenio de colaboración para a posta en marcha da actuación Laboratorio de cociña. Creación do centro experiencial de gastronomía local nos mercados, un proxecto enmarcado no Plan de Sostibilidade Turística en Destino (PSTD) Os Fogóns dos Anllóns, financiado pola Unión Europea a través dos fondos Next Generation EU no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.

A Deputación encargarase da contratación da execución do proxecto, que conta cun orzamento de 30.000 euros, financiados integramente pola UE.

Con esta intervención búscase poñer en valor a gastronomía local como un recurso estratéxico para o desenvolvemento turístico, apostando pola creación dun espazo dotado co equipamento necesario para realizar actividades culinarias, formativas e divulgativas. Así pois, contémplase como un recurso para a creación de produtos e experiencias turísticas, mediante a dotación de equipamento de cociña que permita unha inmersión dos turistas nunha contorna adecuada.

“A nosa estratexia turística pasa por situar a gastronomía como principal destino, que ademais de atraer visitantes é quen de contribuir á mellora socioeconómica da contorna, xerando oportunidades para a veciñanza, fomentando o emprendemento da mocidade e contribuíndo á fixación de poboación nos núcleos máis pequenos”, sinalou o vicepresidente. “Neste sentido, este proxecto que ademais se enmarca nun produto turístico de tan alto nivel como é Os Fogóns do Anllóns, é un claro exemplo de posta en valor dos nosos produtos e produtores e produtoras, e tamén deses espazos que son comunidade, historia e identidade: os mercados”.

Ademais, con esta iniciativa preténdese fortalecer o sector da restauración local mediante accións formativas que lles permitan incorporar os valores culturais e gastronómicos do territorio á súa oferta, así como favorecer a participación de produtores de quilómetro 0 e cociñeiros e cociñeiras da contorna na promoción conxunta dos produtos locais. Tamén se busca aproveitar a situación do mercado para a promoción da gastronomía do Anllóns.