A Deputación da Coruña vén de sacar a licitación o proxecto de reurbanización da rúa Compostela, no tramo comprendido entre a rotonda da Milagrosa e o cruce coas rúas Emilio González López e José María Castroviejo, cun orzamento total de 211.266,61 euros.
O obxectivo da actuación é mellorar a accesibilidade e a calidade urbana desta vía, adaptándoa á normativa vixente e creando novos espazos de convivencia e lecer para a veciñanza. O proxecto contempla beirarrúas máis amplas, de polo menos 1,95 metros de ancho, a eliminación da zona de aparcamento na marxe esquerda e a creación de zonas verdes na marxe dereita, que permitirán dispoñer de novos espazos de lecer.
A intervención inclúe tamén a renovación integral das redes de servizos urbanos, como o saneamento de fecais e pluviais, o alumeado público e as telecomunicacións. En total, prevese a instalación de dúas novas liñas de fecais e a substitución de 125 metros da rede de pluviais, xunto con novos pozos de rexistro e sumidoiros para garantir o correcto funcionamento das canalizacións.
No apartado de firmes e pavimentos, executarase a renovación completa da calzada e das beirarrúas, con novos acabados de formigón e baldosa de terrazo granallado. O novo firme da calzada contará cun paquete composto por saburra artificial e capas asfálticas de alta calidade. A actuación completarase coa colocación de nova sinalización horizontal e vertical, así como coa instalación de mobiliario urbano e elementos vexetais, entre os que destacan árbores, novas papeleiras e a substitución dos cubrecontenedores actuais.
As empresas interesadas teñen ata o 19 de novembro para presentar as súas ofertas para realizar a obra, que terá un prazo de execución de 6 meses.