A web oficial do concello de Carballo

A Concellaría de Mobilidade e Policía reforza a seguridade viaria entre o alumnado do CEIP Bergantiños

A aprendizaxe das normas de circulación e o fomento dunha mobilidade segura e sostible saíron das aulas esta semana para trasladarse ao patio do CEIP Bergantiños. A Concellaría de Mobilidade e Policía realizou no centro unha xornada práctica de seguridade viaria dirixida ao alumnado de 2º de primaria, co obxectivo de familiarizar aos máis pequenos cos comportamentos correctos na vía pública.

A sesión contou coa participación activa de axentes da Policía Local de Carballo, que foron os encargados de guiar aos escolares nas nocións básicas de sinalización e seguridade. Así mesmo, a actividade viuse enriquecida pola colaboración do Club Ciclista Carballo, que achegou a súa experiencia no manexo da bicicleta e no uso de elementos de protección, como o casco.

O concelleiro de Mobilidade e Policía, Juan Seoane, desprazouse ata o centro educativo para seguir de preto o desenvolvemento da xornada e sumarse ao “operativo” organizado para os pequenos. Durante a súa visita, o edil destacou a importancia de incidir na educación viaria desde idades temperás: “É fundamental que os nenos e nenas entendan a rúa como un espazo de convivencia onde o respecto ás normas garante a seguridade de todos e todas”.

Esta actividade non é un feito illado, senón que forma parte do compromiso do Concello de Carballo coa formación cidadá a través de iniciativas como a recente charla ofrecida dentro do programa MercaEscola ou a visita desta semana ao CEIP Bergantiños.

Desde a concellaría lémbrase que este tipo de obradoiros e xornadas de seguridade viaria están á disposición de todos os centros escolares do municipio. Aqueles colexios interesados en levar a cabo estas sesións formativas co seu alumnado poden realizar a solicitude correspondente.