O Concello de Carballo organiza para os días 6 e 7 de novembro dúas citas co atletismo na zona verde do polígono industrial de Bértoa. Ao habitual Cros Escolar de Bergantiños súmase este ano o I Cross Concello de Carballo, unha nova proba popular de 5 quilómetros que nace para ampliar a oferta deportiva e dar continuidade á participación máis alá das categorías escolares.
A programación comezará o venres 6 de novembro co Cros Escolar, organizado en colaboración coa Secretaría Xeral para o Deporte e no que veñen participando centros de ensino de toda a comarca. A convocatoria estará dirixida a nenas e nenos nados entre 2012 e 2019, ambos incluídos.
O sábado 7 de novembro, ás 16.45 horas, celebrarase o I Cross Concello de Carballo, unha proba autonómica oficial da Federación Galega de Atletismo. As persoas participantes completarán cinco voltas a un circuíto de aproximadamente un quilómetro na zona verde do polígono de Bértoa, cun percorrido total de 5.000 metros e un tempo máximo de 45 minutos.
A nova cita, a única desta modalidade na zona e unha das poucas da provincia, busca achegar o campo a través a máis deportistas e facilitar a preparación da tempada de cross e doutras probas atléticas. Entre os seus obxectivos tamén está iniciar o camiño cara á 10K Carballo, programada para o 6 de xuño do 2027.

Un máximo de 500 participantes
I Cross Concello de Carballo estará aberto a persoas nadas en 2011 e anos anteriores, cun límite de 500 participantes. O regulamento establece as categorías sub-18, para os anos 2009, 2010 e 2011; sénior, para persoas nadas entre 1992 e 2008; e máster, para as nadas en 1991 e anos anteriores. Tamén prevé a participación de deportistas con discapacidade, que se integrarán na proba que mellor se adapte ás súas características, de acordo coa organización.
A inclusión das persoas nadas en 2011 permite que este grupo poida participar, ao quedar fóra das idades previstas para o cros escolar do día anterior. En función do número de inscricións, poderá crearse unha categoría sub-16 específica para este ano de nacemento, para efectos de clasificación e premios.
As inscricións están abertas na plataforma CCNorte e poderán formalizarse ata as 23.59 horas do 4 de novembro, ou ata esgotar as prazas. A cota é de 3 euros para as categorías sénior e máster, mentres que a participación na categoría sub-18 é gratuíta.
Haberá premios para os tres primeiros postos masculinos e femininos da clasificación absoluta e de cada categoría, así como para o mellor equipo masculino e o mellor equipo feminino. A carreira contará con cronometraxe mediante chip e control técnico do Comité Galego de Xuíces da Federación Galega de Atletismo.
Os dorsais e chips poderán recollerse anticipadamente na conserxería do complexo deportivo Vila de Noia o venres 6 de novembro, de 10.00 a 22.30 horas, e o sábado 7, de 10.00 a 13.00 horas. Tamén se entregarán na oficina de carreira ata 30 minutos antes da saída. Para a recollida será necesario presentar un documento identificativo válido.
Máis información nas oficinas de Carballo Deporte, no teléfono 981 702 109 ou no correo carballodeporte@carballo.gal.