Atrás quedaron os días nos que era necesario ir a un estudo de gravación para crear, producir e gravar música. Co software actual é posible crear composicións propias en calquera lugar. Pero para dotar á rapazada de ferramentas e impulsar a súa creatividade musical, a Concellaría de Mocidade organiza un curso de creación musical con ordenador que se celebrará aproveitando as vacacións escolares de Semana Santa.
A iniciativa, dirixida a maiores de 14 anos, está deseñada e dirixida por Fanzine Project e será impartida por Francisco Martínez, coñecido artisticamente como Lefrenk, un mozo coruñés que figura entre os produtores máis influentes e prolíferos da escena, con máis de 100 temas editados en selos de diferentes partes do mundo. Xunto a el, os/as participantes coñecerán a interface do programa de creación musical, métodos de traballo, controis xerais do software e o paso a paso para a creación dun novo proxecto.
O curso desenvolverase en catro xornadas de dúas horas, de 17.00 a 19.00 horas, os días 14, 15, 16 e 21 de abril. A aula desta acción formativa tan especial serán as Escolas do Xardín Agra de Caldas. As prazas son limitadas e cubriranse por orde de inscrición. Os/as interesados/as poden anotarse a través do formulario que atoparás máis abaixo a partir do luns 24 de marzo.
Programa do curso
- Clase 1. Configuración de audio, conceptos básicos interface do secuenciador e definición dos parámetros.
- Clase 2. Creación dun tema desde cero.
- Clase 3. Montaxe e estrutura.
- Clase 4. Renderizar o tema, darlle un son coherente para presentar o proxecto ante o público.