Hoxe presentamos oficialmente o cartel das festas de San Xoán, nun acto que marca un cambio de rumbo na elección da imaxe oficial dos festexos. Este ano, a comisión de festas decidiu prescindir do habitual concurso aberto para apostar directamente pola “incrible canteira” de artistas locais, e a encargada de abrir este novo camiño é Isa Bermúdez.
A concelleira de Festas, Maruxa Suárez, explicou que a decisión de rematar co concurso foi tomada por unanimidade polos 15 membros da comisión. “Tendo aquí o talento que temos, consideramos que era o momento de prescindir do concurso”, sinalou. A concelleira amosou a súa total satisfacción co resultado e agradeceu a colaboración de Opticalia Enríquez, que segue a patrocinar o cartel.
Pola súa banda, o presidente da comisión, Sergio Varela, destacou a calidade artística da obra e a súa capacidade para unificar todos os elementos da festa. “En anos anteriores resaltaba unha soa cousa, como unha sardiña ou unha meiga grande. O cartel de Isa envolve un montón de elementos e conxunta todo o que é o San Xoán”, apuntou.

Unha “romaría de meigas e veciñas”
A autora do cartel, Isa Bermúdez, confesou que realizar esta obra era “un dos seus soños” e agradeceu que se apostara por dar “condicións de traballo dignas” aos artistas da vila.
O seu deseño está inspirado na infancia e na lenda do Monte Neme, concibindo o cartel como unha gran romaría. “Quixen recuperar a idea das meigas que se xuntaban para facer a súa gran cachela. É unha mestura de meigas, veciñas, nenos co caldeiro da auga, a banda de gaitas e elementos divertidos como unha sardiña a modo de dragón chinés”, explicou a artista. Bermúdez tamén quixo reivindicar a figura das mulleres tradicionalmente vistas como “bruxas”, que no fondo eran mulleres con coñecementos sobre plantas e ritos que hoxe forman parte da tradición de todos os carballeses.
Un escaparate para o talento carballés
O alcalde de Carballo, Daniel Pérez, pechou o acto felicitando tanto á artista como á comisión de festas polo acerto da decisión. “Este cartel engloba todo o bo e o bonito que ten o San Xoán: a felicidade, as herbas, os ritos… É unha maneira de visibilizar o grandísimo talento que temos aquí”, afirmou o rexedor.
Con esta nova estratexia, o Concello de Carballo e a comisión de festas inician unha tradición na que, cada ano, un/ha artista local será o/a encargado/a de poñerlle cara á imaxe do San Xoán, convertendo o cartel nunha peza de coleccionista e nun orgullo para a cidadanía.
