A web oficial do concello de Carballo

A celebración das festas da parroquia, a mellor estrea da nova praza pública situada xunto á igrexa de Artes

A nova praza de Artes está lista para a estrea, que, como non podía ser doutro xeito, realizarase coincidindo coas festas grandes da parroquia, que este ano celebraranse os días 4 e 5 de agosto. O alcalde, Evencio Ferrero, o concelleiro Iván Andrade e a concelleira Maruxa Suárez realizaron unha visita ao novo espazo público.

O terreo no que se sitúa a nova praza foi adquirido a medias entre o Concello de Carballo e a veciñanza, un modelo de colaboración que nos últimos anos permitiu dotar de espazos e edificios públicos a práctica totalidade das parroquias. Neste caso, dadas as dimensións da parcela, foron creándose diferentes espazos, como unha zona arborada na que se plantaron carballos ou un parque infantil. Neste 2025 foi posible atender a demanda da veciñanza para a creación dunha praza pública de 2.250 metros cadrados que sirva como espazo de encontro, lecer e celebracións como as que se levarán a cabo o próximo mes.

As obras de acondicionamento da praza foron financiadas con cargo ao Plan Único de Concellos POS+ cun investimento de 149.523,33 euros e foron executadas pola empresa Gestal y López. A praza conta cunha ampla área pavimentada con diferentes materiais para as zonas de uso rodado ou peonil, e ademais creáronse 700 metros de zonas verdes con celosía de formigón e unha decena de árbores, e instaláronse cinco bancos.

O proxecto serviu, ademais, para poñer en valor a igrexa parroquial de San Xurxo, situada ao carón da praza. Neste sentido, arredor do templo optouse pola creación dun corredor peonil de lastras de granito silvestre que realza e dignifica o edificio.