A web oficial do concello de Carballo

A banda británica Temples encabeza o cartel da maioría de idade do Rockin’ Carballo, que este 21 de xuño vai facer historia

O Rockin’ 2025 vai facer historia por moitos motivos. Polo regreso dos concertos á Praza do Concello, onde empezou todo hai 18 anos; pola estrea do Escenario Magnolia no Parque do Anllóns; pola aposta da Concellaría de Cultura e Festas por ver medrar un festival que xa está enraizado regándoo cun formato máis grande e un cartel máis ambicioso.

O Rockin’25 fará historia, porque histórico vai ser o paso por Carballo de bandas tan míticas como Temples, definida por Noel Gallagher (Oasis) ou Johnny Marr (The Smiths) como “a mellor nova banda británica”. Así que vai gardando a data do 21 de xuño para gozar coma nunca de música da boa. Así vén o Rockin’25!

TEMPLES (Reino Unido)

A formación composta por James Bagshaw (voz e guitarra), Thomas Warmsley (baixo e coros), Sam Toms (batería) e Adam Smith (teclados) conseguiu levar a súa música a algúns dos festivais máis importantes do mundo, ademais de ser habituais nas salas de referencia en Europa e Estados Unidos. A súa proposta é unha mestura de psicodelia, glam trock e dream-pop. Tras o éxito do seu primeiro álbum, chegaron Volcano (2017) e Hot Motion (2019), consolidando un estilo cada vez máis definido e ao mesmo tempo máis aberto á experimentación. Pero é con Exotico (2023) cando a banda dá un paso máis alá, tanto a nivel conceptual como sonoro. Producido por Sean Ono Lennon, fillo de John Lennon, o disco mergúllase nun universo máis complexo e reflexivo, explorando temas como a impermanencia, a mortalidade, a conexión coa natureza ou a inmensidade da mente humana.

Temples representan unha rara combinación de estética coidada, ambición artística e coherencia estilística. Un grupo que non só honra a tradición da psicodelia británica, senón que a leva a novos territorios. Para comprobalo vémonos o día 21 de xuño nunha viaxe psicodélica que fará que a Praza do Concello viaxe aos anos 60.

THE LIMBOOS (Madrid-Galicia)

The Limboos vannos a levar directamente ao Caribe sen saír da Praza do Concello. Nesta viaxe tropical acompañarannos Daniela Kennedy (voz e batería), Roi Fontoira (voz e guitarra), Sergio Alarcón (guitarra, teclado e percusión), Martín García (teclados e sintetizadores) e Jave Geras (baixo). Cos seus tres primeiros discos, Space Mambo (2014), Limbootica! (2017)e Baia (2019), a banda converteuse nunha das referencias da escena alternativa en España, con sons que van dende o soul ao blues pasando pola mambo, o swing ou o R&B, pero todo con ese toque aos anos 50 e 60 que os fan inconfundibles.

Sen perder a esencia, The Limboos lanzou no ano 2024  ‘Off the Loop’ co que inauguran un novo ciclo que confirma a inquietude e inconformismo da banda na procura dun son propio.

LAS PETUNIAS (Madrid)

Este trío madrileño formado por Elsa, Natalia e Cecilia conseguiu atrapar algo que poucas veces se dá: a esencia crúa e encantadora da mocidade. Con só un disco no mercado, “Creo que soy de porcelana”, xa se converteron nunha das voces máis vibrantes da nova onda underground estatal

ELEANOR FRIEDBERGER (Estados Unidos)

Se o Rockin’ é ese lugar onde o rock clásico se cruza co presente e as guitarras non entenden de modas, Eleanor Friedberger chega para demostrar que tamén hai espazo para a sofisticación indie feita con personalidade e moito oficio. A súa traxectoria é desas que non precisan gritar para facerse escoitar: un estilo sobrio, directo e con moita clase. A artista de Oak Park (Illinois) trae a Carballo unha proposta que bebe do pop dos 70, do rock intelixente e da electrónica sutil, sen perder nunca o fío narrativo que a caracteriza.

BEE DEE KAY & THE ROLLER COASTER (Francia)

“Esperemos que o Anllóns leve auga en San Xoán porque falta ha de facer para para apagar o incendio que van a provocar os franceses no Escenario Magnolia”, advirten desde a organización do Rockin’. Bee Dee Kay and The Roller Coaster naceu no 1995, e desde entón cada disco é unha viaxe entre o freakbeat e o soul máis cavernario, entre o surf psicodélico e o punk máis primitivo.

Bee Dee Kay and The Roller Coaster non é unha banda, é toda unha experiencia que hai que vivir.

10kr (Carballo)

Este ano o Rockin dálle o micro a un talento local que vén pisando forte: 10 kr, artista carballés do Chorís afincado en Copenhague, aterriza no festival cun son que é puro estoupido electrónico, feito para o baile. Detrás do nome, que xoga co cambio de moeda (10 coroas suecas = 1 euro), agóchase un rapaz que se expresa en  galego, castelán e inglés. 10Kr remexe estilos como eurobeat, EDM, club pop e unhas pingas de retranca autotuneada. As súas letras son tan crúas como poéticas, falan de amor, vinganza e estéticas inventadas a partir de libros mal lidos. Xa triunfou en Malmö, agora tócalle na casa.

Se botamos unha ollada aos carteis das 15 edicións celebradas ao longo destes 18 anos, o Rockin’ é un exemplo de compromiso coa igualdade e co talento local, dun festival que non se limita a programar, senón que pretende construír futuro e que cre no poder transformador da música. O 21 de xuño seguiremos camiñando cara ese futuro.