A web oficial do concello de Carballo

A alimentación saudable será o fío condutor das actividades programadas para setembro dentro do plan de dinamización do mercado municipal

O plan de dinamización do mercado municipal de Carballo continuará nas próximas semanas cunha programación especialmente vinculada á alimentación saudable e ao produto de proximidade. Despois da boa acollida da cata de cafés Delta celebrada o venres, con máis de 60 participantes, setembro chegará con dous obradoiros familiares de merendas saudables para peques e cunha degustación gratuíta de peixe da Costa da Morte.

A actividade do venres permitiu achegar ao público algúns dos aspectos básicos que hai que ter en conta para preparar un bo café. O barista Adrián Rizo, de Cafés Delta, realizou unha demostración práctica e guiou a degustación de diferentes variedades de café ecolóxico. A convocatoria volveu confirmar a boa resposta que están a ter as propostas de dinamización que se veñen desenvolvendo no mercado municipal ao longo deste verán.

Merendas saudables para levar ao cole

A programación terá continuidade nos días previos ao inicio do curso escolar con dous obradoiros de merendas saudables dirixidos a nenos e nenas, impartidos pola nutricionista María del Sol Pérez Iglesias. As sesións celebraranse os días 7 e 8 de setembro, xusto antes do comezo das clases, e en cada unha poderán participar 15 nenos/as acompañados por unha persoa adulta.

O obxectivo é ofrecer ás familias ideas sinxelas, equilibradas e atractivas para as merendas do colexio, ao tempo que se fomenta entre os máis pequenos o coñecemento dos alimentos e uns hábitos de consumo máis saudables.

Os obradoiros serán eminentemente prácticos. A través da dinámica “Detectives do azucre”, os nenos e nenas poderán comprobar de maneira visual a cantidade de azucre presente en determinadas merendas ultraprocesadas e comparalas con alternativas naturais.

Despois pasarán á cociña para elaborar eles mesmos dúas ou tres propostas de merendas, sempre mediante preparacións adaptadas á súa idade e sen utilizar lume nin utensilios de risco. Entre as receitas previstas figuran brochetas de froita, preparacións con pan integral e fontes de proteína ou vasos de lácteos sen azucres engadidos.

Ao remate, cada participante recibirá un diploma de Nutri-Experto e un pequeno receitario ilustrado para poder reproducir as propostas na casa coas súas familias. A actividade tamén poderá adaptarse a posibles alerxias ou intolerancias alimentarias que se comuniquen no momento da inscrición.

Tapas de peixe da lonxa de Laxe

Outra das citas destacadas será o xoves 10 de setembro, ás 12.00 horas, cunha degustación gratuíta de peixe da lonxa de Laxe. Neste caso, a actividade trasladarase á Praza do Concello, coincidindo coa celebración do mercado semanal.

A iniciativa está organizada pola Confraría de Pescadores de Laxe, co apoio do GALP Costa da Morte, e permitirá ofrecer ao público arredor de 400 degustacións gratuítas de tapas elaboradas con especies procedentes da pesca costeira artesanal.

O encargado da preparación será o cociñeiro Miguel Mosteiro, que transformará o produto da lonxa en diferentes propostas co obxectivo de poñer en valor tanto a calidade e versatilidade do peixe local como o traballo da frota artesanal da Costa da Morte.

A programación do plan de dinamización do mercado municipal terá continuidade ata fin de ano, cunha atención especial á alimentación saudable, ao produto de proximidade e á promoción dos alimentos da Costa da Morte.