O Concello de Carballo, a través da súa área de Deportes, quere trasladar a súa máis entusiasta felicitación a todos/as os/as deportistas, acompañantes e público asistente á XIV Carreira Popular Concello de Carballo, celebrada este pasado domingo. A xornada saldouse cun balance inmellorable grazas ao extraordinario e deportivo comportamento amosado por toda a cidadanía durante unha mañá que consagrou este evento como a cita deportiva máis global, inclusiva e integradora do municipio.
Desde a organización valoramos a edición do 2026 como unha das mellores da historia da proba. Este éxito non se mide unicamente polo récord numérico de persoas inscritas, senón especialmente polo notable incremento de deportistas locais e da bisbarra, a consolidación da participación feminina, o pulo das categorías de base e a modélica integración da diversidade na carreira. O evento volveu demostrar o seu valor social ao actuar como un motor de incorporación de novos practicantes á actividade física, xerando ademais un gran ambiente deportivo nas rúas de Carballo dende os meses previos coa preparación de centos de veciños e veciñas.
A 10k deixa ao seu paso uns datos estatísticos e competitivos de auténtico orgullo para o deporte carballés:
- Éxito de inscrición e forte presenza feminina: a proba acadou a cifra de 2.262 persoas inscritas, das cales 837 son mulleres, o que supón unha porcentaxe de participación feminina do 36,6 %. Máis de 1.500 dos deportistas anotados son residentes en Carballo e a súa área de influencia, reflectindo o arraigo da cita na comarca.
- Máxima fidelidade na liña de saída: nas probas raíñas de 10K e 5K rexistráronse 1.294 inscritos, dos cales tomaron a saída un total de 1.127 atletas. Isto representa unha porcentaxe de asistencia presencial extraordinariamente elevada, do 87,10 %.
- Unha marca para a historia: o apartado competitivo de elite brillou con luz propia ao establecerse un novo récord absoluto no 10K Masculino, fixando o crono nuns impresionantes 30 minutos e 5 segundos.
O carácter interxeracional da carreira volveu ser un dos seus alicerces, xa que logrou reunir nun mesmo circuíto dende os atletas máis recoñecidos do panorama galego ata a cativada dende os 3 anos de idade, o que converteu a xornada nunha auténtica festa familiar onde practicamente toda a vila se viu representada.
Dende o Concello de Carballo queremos destacar que a complexa engranaxe e o éxito organizativo non terían sido posibles sen a implicación, a colaboración e o traballo altruísta do asociacionismo local. O dispositivo de seguridade e loxística contou cun total de 120 persoas involucradas, integradas por persoal municipal (área de Deportes, Policía Local, Servizo de Protección Civil e Brigada de Obras), profesionais dos servizos sanitarios, membros da Federación Galega de Atletismo e voluntariado de ata 18 entidades e clubs da vila:
- Asociación de Voluntarios de Protección Civil Carballo
- AD Fogar
- AD Media Ducia
- Bergantiños FC – Escolas de Fútbol Luís Calvo Sanz
- Club Ciclista Monteneme
- Club Ciclista Carballo
- Club Fútbol Cances
- Club Narani Carballo
- Club Xadrez O Toque Xiria
- Escola Basket Xiria
- Escola Lubiáns de Hockei e Patinaxe
- Escolas Balonmán Xiria
- Karate Do Carballo
- Kung Fu Carballo
- SD San Lorenzo de Verdillo
- SD Sofán
- SD Oza
- Virsal
O concelleiro de Deportes, Daniel Barreiro, expresou o seu agradecemento a estes colectivos e a toda a veciñanza polo seu civismo, ademais de animar a toda a cidadanía a seguir correndo e adestrando polas nosas rúas, así como a participar activamente nas vindeiras citas atléticas da comarca e da Costa da Morte. O orgullo quedou sementado de novo: Carballo é deporte.