A web oficial do concello de Carballo

O Conservatorio Profesional de Música do Concello de Carballo comeza o curso con 166 alumnos e alumnas de varios concellos da contorna

O Conservatorio Profesional de Música do Concello de Carballo tamén empezou o curso este luns 8 de setembro. Este ano van estudar no centro municipal 166 alumnos e alumnas de varios concellos, xa que o CMUS é o centro de referencia na área que abrangue desde Arteixo ata Fisterra.

A concelleira de Educación, Mar Eirís, asistiu este luns á presentación do curso no Pazo da Cultura, sede do CMUS. O equipo directivo, que vén de reforzarse coa incorporación de Antonio García Castro como subdirector, informou ás familias sobre os aspectos máis relevantes do funcionamento do centro.

Á fronte do CMUS continúan Javier Bardanca Castro, como director; Daniel Novo Pena, secretario, e Isaura Rey Castro, xefa de estudos, que ademais forman parte do claustro, integrado por 16 profesores e profesoras, xa que, como anunciou Javier Bardanca, este ano houbo unha incorporación máis ao dividir as clases de viola e violín.

En canto ao alumnado, das 166 matrículas, 72 corresponden ao grao elemental e 66 ao profesional. As 28 restantes son dos nenos e nenas que van ter o seu primeiro contacto coa música nos grupos de iniciación, dirixidos a escolares de seis e sete anos, xa que as ensinanzas regradas non comezan ata os oito anos.

O equipo directivo tamén avanzou as primeiras citas co público dos músicos e músicas. Este curso debutarán coa Banda Municipal en Calo. En Carballo a primeira actuación será o concerto de profesores por Santa Icía, o 19 de novembro.

As familias que queiran estar ao tanto das novidades do CMUS poden seguir as súas redes sociais ou entrar en carballo.gal/cmus