No Centro Comercial Aberto (CCA) de Carballo arrinca o mes de setembro anunciando unha nova edición do MercaEdillo, un evento xa consolidado no calendario comercial local, que encherá de vida e oportunidades a zona do Rego da Balsa entre os días 12 e 14 de setembro.
Unha vez máis, coa colaboración da Deputación da Coruña e do Concello de Carballo, a través da Concellería de Promoción Económica, a vila converterase nun gran escaparate comercial ao aire libre no que os consumidores e consumidoras poderán atopar descontos moi atractivos de ata o 80% en téxtil, calzado, moda infantil, xoiería, deporte, xoguetería, complementos e alimentación.
Para a presidenta do CCA, Silvana Rama, “este tipo de accións son fundamentais para revitalizar o comercio local, ofrecendo á veciñanza a posibilidade de acceder a produtos a prezos reducidos, pero mantendo sempre a calidade e o trato próximo que nos caracteriza”. Pola súa banda, o concelleiro de Promoción Económica e Turismo, Xosé Regueira, cualificou o MercaEdillo como “unha oportunidade” para toda a veciñanza e felicitou ao CCA por ser quen de mantelo e mesmo amplialo en cada edición. “Non é doado reunir nun espazo vinte empresas máis as que participan nos propios comercios”, sinalou.
Nesta edición participarán 20 stands no recinto feiral, ademais da incorporación de once comercios máis desde os seus locais habituais, que tamén ofrecerán promocións e descontos especiais durante toda a fin de semana. Deste xeito, o MercaEdillo amplía de novo o seu formato tradicional para transformar Carballo nun auténtico centro comercial aberto, integrando a todo o comercio local e facilitando a participación daqueles establecementos que, por falta de persoal ou recursos, non poden desprazarse ás carpas do Rego da Balsa. Ademais, a xornada dominical coincidirá, como de costume, con día de feira na localidade “o que enriquecerá moito máis o MercaEdillo, demostrando a forza do noso tecido comercial e o forte vínculo entre que existe entre o comercio, o mercado e a comunidade”, apuntou a presidenta da entidade.

E o domingo 14, de 12 a 14 horas, volverán ao recinto feiral os e as peques da casa para participar na que será xa a III Pequefeira, unha iniciativa que puxemos en marcha este ano por primeira vez na Feira de Oportunidades, e que volvemos repetir con gran éxito de participación e vendas en Biosaúde, o espazo de encontro arredor da saúde, o benestar e a natureza que levamos a cabo a finais do mes de maio.
Nesta ocasión, a cativada volverá vivir a experiencia de ser comerciantes por unhas horas, vendendo os produtos que eles/as mesmos elaboren ou que recompilen nos seus fogares para vender a prezos inmellorables. Neste senso, o concelleiro de Feiras e Mercados, Ramón Varela, destacou a importancia deste tipo de eventos para “crear identidade” e máis aínda nun lugar como Carballo, con tanto comercio. Pero quixo destacar sobre todo a celebración da Pequefeira, “unha boa iniciativa _dixo_ para que a xente nova manteña a tradición”. As persoas interesadas en participar deberán inscribirse previamente enviando un mail cos seus datos de contacto (nome, apelidos, teléfono e idade) a info@ccacarballo.com. A realización desta actividade, dependerá da inscrición dun número mínimo de participantes.
Finalmente, o alcalde de Carballo cualificou o MercaEDillo como un elemento dinamizador “da actividade económica, e en especial da actividade comercial”. Evencio Ferrero desexou que a cita da próxima fin de semana “sexa un novo éxito”, porque iso significará que contribúe a “seguir facendo de Carballo un referente como espazo comercial”.
Ademais do cofinanciamento institucional da Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña e o Concello de Carballo, desde o CCA Carballo queremos agradecer a colaboración da Policía Local, a agrupación de Protección Civil e a Brigada Municipal de Obras.
Horarios do MercaEdillo
- Venres 12: 17.00 a 21.00 horas
- Sábado 13: 10.00 a 14.00 h / 16.30 a 20.30 h
- Domingo 14: 10.00 a 14.00 h / 16.30 a 19.00 h
Establecementos participantes (Rego da Balsa)
A Fragua, Akira, Atelier, Atmósfera Sport, Benetton, DV Carballo, Lencería Mª José, Madeixalazos, Merliño Xoguetería, Moda Suárez, Necos, O Barco dos Soños, Óptica Cristina, Regalosyregalitos.com, Retoños, Sweet Spirit, Upa! Espazo Barefoot, Vessali, Zocas e Zuccaro.
Establecementos adheridos desde os seus locais
Aloe Herboristería, Cenor, Confecciones San Juan, Doces Soños, D&A Complementos, Ekaté, Emiliano Moda, Floristería Taibo, Jorge Moda, Teirón e Zapatillería Isabel.
