A biblioteca coas mellores vistas do mundo pechou as súas portas hai uns días en Razo, o servizo municipal de salvamento e socorrismo tamén recolleu o material despois dun caloroso e concorrido mes de agosto, e este sábado remataremos o programa Eu quero Razo-Baldaio cun foro aberto á cidadanía para falar sobre o presente e o futuro do noso litoral. Pero a costa carballesa vai continuar sendo o destino turístico por excelencia, porque do 24 ao 27 de setembro volve o Junior Pro Razo, e arredor dese gran evento internacional de surf celebrarase outro de contido gastronómico: Onda Bocata Fest. Presentámolo hoxe no Museo de Bergantiños coa presenza dunha ampla representación dos establecementos participantes, ademais do alcalde, Evencio Ferrero, e do concelleiro de Promoción Económica e Turismo, Xosé Regueira.
“Ofrecer unha alternativa de lecer vinculando a gastronomía e os produtos locais con espazos naturais de gran valor ambiental e paisaxístico e co deporte do surf”. Este é, como manifestou Xosé Regueira, o leit motiv da nova proposta do Concello de Carballo para as últimas rabexadas do verán. Trátase do festival Onda Bocata Fest, un evento no que participarán nove establecementos hostaleiros do municipio que ofrecerán unha diversa oferta de bocadillos gourmet a partir dun ingrediente obrigatorio: o Pan de Carballo.

Tanto o alcalde coma o concelleiro destacaron a implicación do sector local da restauración, que estará representado por Mesón do Pulpo, Asador Gonzaba, Pazo do Souto, O Lambón, La Fugazzeta, Maloserá, Albaroque, A de Pako e Espazo Gastro Nature.
A cita será os días 26, 27 e 28 de setembro na praia de Razo. Durante as tres xornadas, en horario de mediodía e serán (venres, de 18.30 a 23.00 h; sábado, de 12.30 a 23.00 h e domingo, de 12.30 a 17.00 h), os bares e restaurantes participantes ofrecerán ata 16 bocadillos diferentes a partir de Pan de Carballo e produtos galegos de calidade; saborosas propostas que combinarán ingredientes de mar e terra en formato “bocadillo” a prezos que oscilarán entre os 8 e os 10 euros.
O concelleiro e vicepresidente da Deputación da Coruña convidou o público familiar a gozar deste novo festival. “Onda Bocata Fest é unha convocatoria de comida gamberra elaborada con produtos de primeira calidade e todos de proximidade. É un evento pensado para gozar da paisaxe, da gastronomía e da música en familia ou con amigos. É o broche de ouro da tempada estival”, sinalou na presentación do evento.
Así, o festival contará coa actuación en vivo de dj’s durante as xornadas vespertinas e tamén haberá showcooking. “Razo é o mellor escenario que podería ter este evento, que axudará a desestacionalizar o turismo, algo moi importante”, engadiu o alcalde, Evencio Ferrero.
Toma nota das propostas gastronómicas
- Boi Gonzaba: bocadillo artesán de boi en salsa de chile con queixo afumado e cebola crocante (Gonzaba).
- Verde e sal: bocadillo de verduras de tempada asadas, queixo de rulo de cabra e filete de anchoa con salsa de pemento, tomate e froitos secos (Pazo do Souto).
- Pim-pito Boom: bocadillo de pito asado coa súa salsa, base de guacamole picantón, queixo galmesano, pemento verde enteiro e cebola vermella (Pazo do Souto).
- Polbo á mugardesa: bocadillo de polbo con pemento vermello, pemento verde, pemento, pataca palla e salsa alioli (Mesón do Pulpo).
- Bocadillo de xarrete: bocadillo quente de carne galega mechada (xarrete) coa súa salsa, queixo afumado, tira de pementos morróns e cebola encurtida (O Lambón).
- Bocadillo de escalivada: bocadillo quente vegano de escalivada, froitos secos e salsa de tofu con allo negro e cogomelos (O Lambón).
- Onda de salmón e guacamole: bocadillo de salmón afumado e toque picante (La Fugazzeta).
- Marusía bbq: bocadillo de pulled pork á grellada con queixo cheddar, vexetais e cebola encurtida (La Fugazzeta).
- O criollo: bocadillo de chourizo criollo, maionesa chimichurri, salsa criolla caseira (pementos de cores, cebola vermella, tomate, vinagre e aove) e leituga iceberg (Maloserá).
- A Vegan Ball: bocadillo de albóndegas veganas, salsa de tomate caseira, perexil e queixo relado vegano (Maloserá).
- Bocadillo Tricolore: bocadillo de queixo aromatizado, pesto verde e cherris confeitados (Albaroque).
- Carrillera Rock: Bocadillo de carrilleras ao viño tinto, maionesa de mel e mostaza e crema de queixos e pepinillos picantes (Albaroque).
- Bravucón do mar: bocadillo de polbo braseado ao pemento (Espazo Gastro Nature).
- A furia do norte: bocadillo de lacón á prancha con queixo (Espazo Gastro Nature).
- Bocadillo de orella: bocadillo (molete) de orellas de porco celta prensado, queixo Arzúa, pepinillos encurtidos laminados, verdura (repolo, ceboliña, xenxibre, cenoria) estilo kimchie xaponés, emulsión do kimcki e mostaza (A de Pako).