A web oficial do concello de Carballo

O CCA presenta o panel de xogo que contribuirá á dinamización da campaña “A voltas co cole” os días 5 e 19 de setembro

O Centro Comercial Aberto (CCA) Carballo presentou este luns o gran protagonista da súa nova campaña “A voltas co cole”: un pasatempo familiar que busca dinamizar o comercio de proximidade e premiar á clientela que realiza as súas compras no pequeno comercio carballés.

No acto, acompañando aos representantes da entidade, estiveron presentes o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Promoción Económica, Xosé Regueira, que aproveitou a ocasión para felicitar ao CCA por esta innovadora iniciativa e animou á veciñanza “a confiar sempre no comercio local para facer as súas compras, neste caso, de volta ao cole, e contribuír así á dinamización da nosa vila”. Pola súa banda, a presidenta do CCA, Silvana Rama, convidou a toda a clientela a participar os días 5 e 19 de setembro na Praza do Concello, nunha actividade que promete ser “moi divertida, familiar e con interesantes premios en xogo para toda a rapazada”.

Ata o 19 de setembro, por cada compra ou servizo realizado nos comercios participantes, os consumidores recibirán un vale de participación que deberán gardar e presentar grampado ao ticket ou debidamente selado polo establecemento e coa data de compra para participar no xogo “A voltas co cole”, un pasatempo familiar que se desenvolverá na Praza do Concello os venres 5 e 19 de setembro, en horario de 17.00 a 20.00 horas. En caso de choiva, trasladarase á primeira planta do mercado municipal.

A actividade baséase no tradicional xogo de dobres ou parellas e a súa mecánica é moi sinxela: unha vez entregado e verificado polo persoal do CCA, cada vale dará dereito a cinco intentos para descubrir as fichas que se agochan tras unha gran estrutura, que estará dividida en coordenadas. Cando o xogador/a logre facer tres parellas ou dobres, recibirá un premio de consolación; con catro acertos, poderá acceder a un agasallo ou experiencia directa (cine, e se fai pleno descubrindo as cinco parellas nunha soa tirada, obterá un cheque-compra de 50 € e participará no sorteo final de cinco tabletas de 10’’ (4 GB RAM, 128 GB ROM).

O sorteo celebrarase o venres 26 de setembro ás 21.00 horas e retransmitirase en directo a través do Instagram do CCA.

Comercios participantes

A campaña conta coa colaboración dunha ampla rede de establecementos locais:
Atmósfera Sport, Avanty Publicidad, Benetton, Calzados Susa, Clarión Libraría, Clínica dental Pico Blanco, Dequip Carballo, donClip.es, Federópticos Nicolás, La casita de Lu, Lencería Mª José, Maluca Lobe, Merliño Xoguetería, Mmmm! Xeados, Necos, O barco dos soños, Opticalia Enríquez, Pombo fotógrafo, Refugallo Zero, Retoños, Sweet Spirit, Teirón, Todo Lar, Upa! Espazo barefoot, Zapatillería Isabel e Zocas.