A web oficial do concello de Carballo

Xa está operativo o novo parque de calistenia e biosaudable da Praza do Hospital

A Concellaría de Deportes achega á veciñanza un novo recurso co que pretende facilitar a práctica do exercicio físico ao aire libre. Xa está operativo o novo parque biosaudable e de calistenia da Praza do Hospital, que se amplía como espazo de lecer para toda a cidadanía tras o peche ao tráfico dun treito da rúa Nicaragua. Coincidindo coa súa posta en funcionamento achegáronse ata este espazo de deporte e lecer os concelleiros de Deportes e Participación Veciñal, Daniel Pérez, e de Medio Ambiente e Servizos, Miguel Vales.

O Concello de Carballo realizou un investimento de máis de 30.000 euros para habilitar, por unha banda, unha zona de calistenia dotada dun equipamento multifuncional sobre un pavimento técnico e, por outra, un parque biosaudable composto por catro elementos, algúns deles accesibles: unha bicicleta, para exercitar o tren inferior; unha elíptica, para traballar pernas e brazos; un aparato dobre de ximnasia para exercitar cintura, abdome e peito, e outro similar que tamén permite traballar brazos e ombreiros.