Carballo vén de acoller a inauguración da exposición “50 anos coidando a terra” que conmemora medio século de traxectoria na defensa do medio ambiente por parte da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA). A entidade escolleu Carballo, capital da comarca de Bergantiños, para dar a coñecer esta mostra por ser un dos enclaves galegos nos que se perpetrou unha das revoltas sociais na defensa da terra máis singulares da nosa historia: a loita pola preservación e devolución do areal e da lagoa de Baldaio ás mariscadoras.
A exposición “50 anos coidando a terra” foi realizada grazas ao apoio da Deputación provincial da Coruña e á colaboración de socias e simpatizantes que axudaron a configurar os textos e a dotar a mostra de imaxes. A iniciativa enmárcase nunha xeira de actividades conmemorativas que ADEGA ten previsto desenvolver ata finais de ano por todo o territorio galego co obxectivo de poñer en valor a traxectoria da propia organización, mais sobre todo daqueles fitos e loitas ecoloxistas que marcaron o devir presente e futuro do noso pobo e da nosa terra, así como reivindicar a importancia que tivo e ten o movemento na actual configuración do noso territorio, e favorecer o coñecemento e o activismo ambientalista entre as xeracións máis novas.
No acto de inauguración, celebrado o xoves 31 de xullo ás 13.00 horas na Praza do Concello, interviron Rosa Ana García, responsable da área de Medio Ambiente da Deputación da Coruña; Belén Lendoiro, tenente-alcalde do concello de Carballo, que subliñou que Carballo sempre ten sido un referente na loita a prol do ecoloxismo e lembrou a implicación persoal do alcalde, Evencio Ferrero, na loita pola defensa de Baldaio; María R. Lafuente, en representación de ADEGA, e Francisco Felípez, veciño de Carballo, quen rememorou a loita por Baldaio e a icónica mobilización do 8 de maio de 1977, que foi fortemente reprimida polas forzas de da orde daquel momento. Felípez quixo ter unha lembranza especial para as veciñas e os veciños que protagonizaron aquela manifestación, nunha época na que non era nada fácil erguer a voz contra o poder establecido, e que finalmente conseguiron que a empresa deixara de extraer area na zona costeira de forma ilegal. Estiveron presentes tamén entidades ecoloxistas da zona que son asiduas colaboradoras de ADEGA, como Senda Nova ou o Grupo Naturalista Hábitat. O acto rematou cunha visita guiada á exposición.
“50 anos coidando a terra”: até o 12 de agosto na Praza do Concello
A mostra exterior conta con 16 paneis distribuídos en 4 tótem cúbicos expositivos, acompañados de varios bidóns que simulan ser radioactivos e que evocan a confrontación do pobo galego contra os vertidos de residuos nucleares na Foxa atlántica, unha das loitas ecoloxistas galegas que maior repercusión tivo dentro e fóra das nosas fronteiras.
Os contidos escollidos por ADEGA para retratar os seus 50 anos mesturan o relato histórico evolutivo da Asociación e as diferentes e múltiples ameazas ambientais que sufriu e sofre o noso país nas últimas cinco décadas. A mostra lembra algúns dos logros máis relevantes de ADEGA e da mobilización social na defensa da terra, como o freo aos grandes encoros do Sela ou do Navia, a central nuclear de Xove, ou a prohibición dos vertidos radioactivos no mar galego; mais tamén, aqueles capítulos da historia reivindicativa de Galiza que, aínda non rematando en vitoria, supuxeron unha forte demostración de dignidade e de amor do pobo galego pola súa terra, como foi o caso de Baldaio, das Encrobas, ou do Prestige, convertidos hoxe en iconas de referencia do ecoloxismo galego.
A exposición tamén aborda boa parte das ameazas do noso territorio contra as que actualmente está a lidiar ADEGA, xunto con organizacións ecoloxistas e sociais do país, como son a incineración de residuos, a eucaliptización, os lumes forestais, a explotación colonial e depredadora dos recursos enerxéticos e mineiros. Tamén sinala algúns dos proxectos industriais que nas últimas décadas destruíron boa parte do noso patrimonio natural e supuxeron un grande foco de contaminación, como as térmicas, Ence ou Alcoa, e aqueles que hoxe en día constitúen unha preocupante ameaza de futuro, como é o caso da macrocelulosa de Altri ou da mina de Touro.
A mostra permanecerá na Praza do concello de Carballo ata o 12 de agosto e, a partir desa data, comezará unha itinerancia que percorrerá varias vilas e cidades galegas, e que terá como próximos destinos os municipios de Muros, Arzúa, Valdoviño e Santiago, entre outros.





