Marilar Aleixandre, madrileña de nacemento e galega de corazón, escritora versátil, tradutora, membro da Real Academia Galega, Premio Nacional de Narrativa e voz fundamental das nosas letras, empezou a escribir neste xoves de mercado, caloroso e bulicioso, un novo capítulo da Praza dos Libros de Carballo.
Acompañada polo alcalde, Evencio Ferrero, e pola concelleira de Bibliotecas, Arquivos e Normalización Lingüística, Ángeles Pacoret, e coa música da Banda Municipal de Gaitas como banda sonora, a autora de As malas mulleres agasallounos cunha auténtica oda a Carballo.
No seu poético pregón puidemos subir a ese trolebús imaxinario que percorre o noso concello a través dos autores e as autoras locais, e tamén das súas obras, e que vai facendo paradas nos recunchos que, probablemente, teñen inspirado moitas delas. Verso a verso, Marilar Aleixandre levounos pola literatura máis nosa pero tamén pola xeografía e a historia, pola memoria das persoas que nunca podemos esquecer, como as Mártires de Sofán ou as persoas represaliadas durante o franquismo.
Pero neste capítulo, o 19 xa, da PLIC, aínda queda moito por contar e moito por ler. “Dende hoxe e até o domingo -dixo Ángeles Pacoret- a praza será o punto de encontro de almas lectoras, de editoras valentes, de autores e autoras que, con xenerosidade, comparten connosco versos e historias. Atrevémonos a soñar e fixemos realidade unha proposta de calidade, onde grandes e cativos poidan gozar desta festa dos libros”.
Unha gran celebración das nosas letras que non ten máis obxectivo que convidarvos a ler, como fixeron hoxe o alcalde, a pregoeira e a concelleira: “Se ler é un acto de amor, ler en galego é amar o que somos, abrir o mundo coa nosa propia chave, sen pedir permiso, sen traducir a alma”.












