O polígono industrial de Carballo vén de dar un novo paso na súa consolidación como referente económico e empresarial de Galicia coa obtención do distintivo de Polígono Empresarial de Calidade, unha certificación que acredita a excelencia das súas infraestruturas, servizos e modelo de xestión. O de Carballo convértese no segundo parque empresarial galego, despois do da Grela, en conseguir este recoñecemento.
O centro social de Bértoa acolleu o martes 24 o acto de entrega da Marca Q, que contou cun amplo respaldo institucional e empresarial. O presidente da Coordinadora Española de Polígonos Empresariais (CEPE), Alejandro Rubio, entregou o distintivo ao vicepresidente da Entidade de Conservación, Xestión e Modernización (ECOXEM), José Ángel Vázquez Berdiñas, e ao alcalde de Carballo, Daniel Pérez.
A certificación, avalada por unha auditoría de AENOR, pon en valor tanto a calidade dos equipamentos e dos servizos como a profesionalización da xestión. Neste último ámbito, Carballo volve situarse á vangarda, ao ser o primeiro polígono de Galicia en constituír unha ECOXEM ao abeiro da nova Lei de áreas empresariais de Galicia.
Un modelo de colaboración público-privada
O alcalde felicitou ao equipo directivo e técnico do polígono polo traballo realizado e destacou a importancia da interlocución permanente entre o Concello e o tecido empresarial, que permite identificar necesidades, planificar actuacións e avanzar na mellora continua dos servizos.
Nos últimos seis anos, o Concello de Carballo investiu preto de 1,3 millóns de euros no polígono industrial, un esforzo que terá continuidade nos orzamentos municipais do 2027. Entre as actuacións máis recentes figura a creación dun novo aparcadoiro público, que acaba de entrar en funcionamento e que supuxo un investimento superior aos 240.000 euros.
Daniel Pérez incidiu na importancia de que o desenvolvemento empresarial teña tamén un retorno social, en forma de emprego, riqueza e oportunidades para o conxunto da poboación.
A ampliación, unha necesidade urxente
O acto de entrega da Marca Q serviu tamén para reivindicar a necesidade de ampliar o polígono industrial de Carballo, que ten esgotada a súa capacidade de oferta de solo empresarial.
O alcalde advertiu da perda de oportunidades que supón non dispoñer de solo nin para o crecemento das empresas xa instaladas nin para a implantación de novas iniciativas empresariais, especialmente nun parque que ten demostrado o seu dinamismo e a súa capacidade de planificación.
Pola súa banda, o xerente de Xestur, Diego Toja García, avanzou que, de cumprirse as previsións, as obras da terceira fase do polígono poderían licitarse no terceiro trimestre do 2027.
Desde o Concello de Carballo seguirase a traballar, da man do tecido empresarial, tanto na mellora das instalacións e dos servizos actuais como na consecución das infraestruturas necesarias para garantir o seu crecemento futuro.
Como resumiu o alcalde, Daniel Pérez, «se ao polígono lle vai ben, a Carballo vaille ben».