A web oficial do concello de Carballo

A Universidade Sénior pecha a súa cuarta edición en Carballo cun récord de 120 participantes e compromiso de continuidade

O Fórum Carballo acolleu este venres o acto de clausura da 4ª edición do Programa da Universidade Sénior da Universidade da Coruña en Carballo, no que participaron este ano 120 persoas maiores de 50 anos.

O programa, impulsado pola Universidade Sénior da UDC, financiado pola Xunta de Galicia e desenvolvido en colaboración co Concello de Carballo, celebrouse durante os meses de outubro e novembro cun total de nove sesións formativas arredor de cuestións de actualidade vinculadas ás humanidades, ás ciencias sociais, á tecnoloxía, ao medio ambiente e á saúde.

O acto de clausura contou coa presenza do alcalde de Carballo, Daniel Pérez; da concelleira de Terceira Idade, Mar Eirís, e da subdirectora da Universidade Sénior da UDC, Isabel Raposo.

Antes da entrega dos diplomas, o profesor Javier Fernández Fernández impartiu a conferencia Turismo sostible. Compromiso real ou etiqueta de moda?, coa que se puxo o broche final á programación académica desta cuarta edición.

A continuación, o alumnado recibiu os diplomas acreditativos da súa participación nun programa que, ano tras ano, mantén unha elevada resposta entre a poboación maior de 50 anos de Carballo e da súa contorna.

Durante o acto, os representantes municipais destacaron tanto o valor formativo da Universidade Sénior como a súa dimensión social. O programa permite acceder a novos coñecementos e achegarse a temas de plena actualidade, pero tamén favorece o encontro, a convivencia, o intercambio de experiencias e a creación de vínculos entre as persoas participantes.

A elevada participación desta edición, con 120 persoas inscritas, consolida unha iniciativa que xa forma parte da programación estable dirixida á poboación adulta do municipio.

A Universidade Sénior da Universidade da Coruña mantén así o seu compromiso de achegar a formación universitaria á cidadanía maior de 50 anos, dando continuidade a unha liña de traballo iniciada en 2018 e desenvolvida en diferentes vilas e comarcas galegas.

No caso de Carballo, esta cuarta edición volveu contar cunha resposta moi positiva, confirmando o interese por propostas que fomentan a aprendizaxe ao longo de toda a vida e promoven un envellecemento activo, participativo e conectado coa sociedade.