Mellorar a atención ás vítimas de violencia machista require formación, coordinación e tamén coidar de quen as acompaña. Estes foron os eixes da xornada profesional En rede contra a violencia de xénero, celebrada esta mañá no Fórum Carballo dentro da programación municipal arredor do 25N.
O encontro reuniu persoal de distintos servizos, entre eles a Policía Local, para afondar no recoñecemento das violencias e reforzar o traballo conxunto na prevención, detección e atención ás vítimas.
A concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Maica Ures, emprega a imaxe dunha rede para expresar o sentido desta colaboración: “Un fío só non aguanta moito peso; rompe cunha tensión pequena. Pero cando se entrelazan moitos fíos, cando se cruzan e se suxeitan uns a outros, fórmase unha rede capaz de sostelo todo”.
A formación abordou distintas manifestacións da violencia machista, como a física, psicolóxica, sexual, económica e patrimonial, ademais doutras formas como a violencia vicaria ou a exercida a través das tecnoloxías. Unha parte da sesión centrouse no maltrato psicolóxico e na identificación de condutas como as ameazas, as humillacións, a desvalorización, o desprezo ou o illamento familiar e social.
O autocoidado das profesionais tamén tivo espazo na xornada, incorporando á reflexión a necesidade de atender o benestar de quen traballa diariamente con situacións de violencia e sufrimento. Coidar dos equipos forma parte do fortalecemento dunha rede de atención que debe acompañar e soster as vítimas.
Este encontro dá continuidade ao traballo de coordinación institucional que Carballo desenvolve desde hai anos. O municipio conta desde marzo de 2011 cunha Mesa local de coordinación institucional sobre violencia de xénero, na que colaboran o Centro de Información ás Mulleres, a Garda Civil, a Policía Local e a Unidade de Violencia sobre a Muller da Subdelegación do Goberno. Este espazo permite poñer en común intervencións e abordar propostas de mellora na atención ás vítimas.
Nesta mesma liña, o pleno municipal aprobou por unanimidade o pasado mes de setembro o convenio de colaboración e coordinación entre as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado e a Policía Local para a protección das vítimas mediante o sistema VioGén.
A xornada forma parte da programación municipal do 25N, centrada este ano na violencia vicaria baixo o lema Non son armas. As próximas citas serán a concentración cidadá do mércores 25 de novembro, ás 20.00 horas, e a xornada A violencia vicaria como forma de violencia de xénero: unha ollada á súa regulación legal, que se celebrará o xoves 26, ás 18.00 horas, nas Escolas do Xardín Agra de Caldas, coa colaboración da Universidade da Coruña.