A web oficial do concello de Carballo

Unha trintena de investigadores e investigadoras reuniranse este Nadal en Carballo para formarse en comunicación científica

Carballo converterase este Nadal nun punto de encontro para o talento investigador. Trinta investigadores e investigadoras xa están inscritos na xornada de formación en comunicación científica que se celebrará o martes 29 de decembro no Fórum Carballo, dentro da programación do proxecto europeo Talento quilómetro cero, TALK0. A cifra podería seguir aumentando nos próximos días, xa que o prazo de inscrición continúa aberto a través da web municipal, carballo.gal.

A elevada resposta á convocatoria pon de manifesto o interese do persoal investigador por adquirir novas ferramentas para achegar o seu traballo á sociedade. A iniciativa, organizada pola Concellaría de Innovación, está dirixida a investigadores e investigadoras vinculados a Carballo, así como a persoal de universidades e centros de investigación, e pretende mellorar as súas habilidades de comunicación e divulgación científica mediante unha formación práctica, participativa e adaptada aos novos escenarios da comunicación.

Como explicar unha investigación complexa nunha entrevista? Como traducir a linguaxe científica para que resulte comprensible sen perder rigor? E por onde empezar á hora de divulgar ciencia nas redes sociais? Estas son algunhas das cuestións que se abordarán ao longo dunha mañá de formación que contará coa participación de Luis Fraga, Manuel Rey e Yeray Folgar, tres profesionais que achegarán perspectivas complementarias sobre a relación cos medios, a comunicación científica e a divulgación dixital.

A xornada arrancará ás 10.00 horas coa benvida e presentación. Dez minutos despois, Luis Fraga conducirá unha primeira sesión baseada no role-play, na que as persoas participantes se enfrontarán a simulacións de situacións reais cos medios de comunicación. O obxectivo será practicar entrevistas e intervencións públicas nun contexto formativo e identificar claves para transmitir mensaxes de maneira clara, segura e efectiva.

Ás 10.40 horas, Manuel Rey impartirá a sesión Claves para comunicar ciencia, centrada en como achegar conceptos, resultados e terminoloxía científica a públicos non especializados sen renunciar ao rigor nin á precisión.

Tras unha pausa para o café, ás 11.50 horas será a quenda de Yeray Folgar, coa sesión Divulgar nas redes sociais, por onde comezo? A formación ofrecerá unha primeira aproximación á comunicación científica nestas plataformas, atendendo tanto á necesidade de divulgar con rigor e crear comunidade como á exposición pública que implica a presenza nas redes.

A recta final da xornada volverá estar a cargo de Luis Fraga, que ás 12.40 horas abordará Como contar a miña investigación aos medios, cunha sesión orientada a facilitar a relación entre o persoal investigador e os profesionais da información.

O peche está previsto para as 13.00 horas e a finalización da actividade, para as 13.10 horas.

Carballo, un espazo para a ciencia

Esta iniciativa dálle continuidade á aposta do Concello de Carballo por promover a cultura científica, visibilizar o talento investigador e fortalecer os vínculos entre a investigación e a sociedade.

A través do proxecto TALK0, o Concello impulsa novas oportunidades de encontro, participación e intercambio de coñecemento, coa vontade de que Carballo sexa non só un espazo para divulgar ciencia, senón tamén un lugar no que o persoal investigador poida establecer contactos, compartir experiencias e desenvolver novas competencias.

A formación do 29 de decembro supón, neste sentido, unha nova oportunidade para reunir investigadores e investigadoras de diferentes ámbitos arredor dun obxectivo común: conseguir que a ciencia chegue cada vez máis lonxe e a máis persoas.

A actividade enmárcase no proxecto Talento quilómetro cero, TALK0, financiado polas accións Marie Skłodowska-Curie da Unión Europea, unha iniciativa coa que Carballo pretende reforzar a conexión entre ciencia, empresa e sociedade, promover a cultura científica e favorecer unha maior participación cidadá no coñecemento e na investigación.

Programa da xornada

  • 10.00 h | Benvida e presentación da xornada.
  • 10.10 h | Luis Fraga: sesión de role-play con medios de comunicación.
  • 10.40 h | Manuel Rey: Claves para comunicar ciencia.
  • 11.30 h | Pausa de café.
  • 11.50 h | Yeray Folgar: Divulgar nas redes sociais, por onde comezo?
  • 12.40 h | Luis Fraga: Como contar a miña investigación aos medios.
  • 13.00 h | Peche da xornada.
  • 13.10 h | Final da formación.

Lugar: Fórum Carballo.

Data: Martes, 29 de decembro de 2026.

Inscricións: Abertas en carballo.gal.


Financiado pola Unión Europea. Con todo, os puntos de vista e as opinións expresadas son unicamente as do(s) autor(es) e non reflicten necesariamente as da Unión Europea ou as da Axencia Executiva Europea de Investigación (REA). Nin a Unión Europea nin a autoridade outorgante poden ser consideradas responsables das mesmas.