O Circuíto Municipal de Autocrós de Carballo será este sábado, 7 de novembro, o centro operativo da cuarta edición do Raid Clásicos del Atlas Galicia, que reunirá 64 equipos. A proba foi presentada hoxe coa participación do alcalde, Daniel Pérez; o concelleiro de Deportes, Daniel Barreiro; Quique Martínez, en representación da organización, e Juan Fernández, de Escudería Coruña.
O raid propón unha xornada de regularidade fototurística para turismos e vehículos 4×4 na que a precisión, a navegación e a coordinación entre piloto e copiloto serán protagonistas. O percorrido sumará 210,96 quilómetros, dos que 92,48 corresponden a 18 sectores de regularidade, distribuídos en dúas etapas entre Carballo e Touro.
Quique Martínez destacou a evolución dunha cita que pasou dos 30 participantes da primeira edición aos 64 equipos actuais. «Duplicar a participación demostra que esta proposta está a conectar coa afección. Estamos moi satisfeitos coa resposta e queremos agradecer ao Concello de Carballo a súa colaboración e as facilidades para organizar a proba», sinalou.
O alcalde puxo en valor a capacidade do deporte para atraer visitantes. «Acoller esta proba é unha oportunidade para compartir a nosa afección polo motor e para que máis persoas coñezan Carballo. Queremos que participantes e acompañantes desfruten da xornada e leven ganas de volver», manifestou Daniel Pérez.
Pola súa banda, Daniel Barreiro destacou o traballo que fai posible a celebración destas citas. «A colaboración coas entidades e coa organización permítenos seguir ampliando a oferta deportiva de Carballo. Detrás de cada proba hai un grande esforzo que merece o noso recoñecemento e apoio», afirmou.
Juan Fernández incidiu na coordinación organizativa e no espírito da xornada. «Queremos que os equipos desfruten do percorrido e dunha experiencia de convivencia arredor do motor. A precisión e a compenetración dentro de cada vehículo serán fundamentais», indicou o representante de Escudería Coruña.
Dúas etapas con base no circuíto municipal
A primeira etapa partirá do Circuíto Municipal de Autocrós de Carballo pasadas as 11.00 horas, pero antes abriranse as portas para recibir a todas as persoas afeccionadas que queiran achegarse. Desde Carballo, os equipos percorrerán 111,95 quilómetros, con oito sectores de regularidade, ata chegar a Touro, onde se prevé a entrada do primeiro participante ás 13.30 horas.
A segunda etapa comezará en Touro ás 15.00 horas e contará con 99,01 quilómetros e dez sectores de regularidade. A chegada do primeiro equipo a Carballo está prevista para as 18.30 horas.
O circuíto municipal concentrará, deste xeito, a saída e a meta final dunha xornada na que o desafío será manter a regularidade ao longo do itinerario, combinando condución, orientación e traballo en equipo.