A Alcaldía de Carballo acolleu hoxe a sinatura dos convenios de colaboración que permitirán que as oito alumnas de atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais, unha das especialidades que se imparten no obradoiro dual de emprego Lubiáns II, realicen as súas prácticas profesionais nas asociacións Aspaber e Íntegro e nos centros de día de Carballo e A Laracha.
A iniciativa permitiralles completar a formación teórica cunha experiencia directa en centros sociais, onde o alumnado poderá achegarse á realidade profesional e ao traballo diario con persoas maiores e persoas con discapacidade. Esta fórmula xa vén desenvolvéndose en anteriores edicións dos obradoiros de emprego, precisamente para favorecer que os coñecementos adquiridos durante a formación poidan aplicarse en situacións reais.
Na sinatura participaron representantes as directoras de Aspaber e Íntegro, Dolores Fernández e Noelia Barreira; os alcaldes de Carballo e Coristanco, Daniel Pérez e Juan García; así como os concelleiros e concelleiras Iván Andrade e Maica Ures, por parte do Concello de Carballo, e Enrique Tasende, por parte de Coristanco.

Durante o acto púxose especialmente en valor a importancia deste período práctico. Desde as entidades colaboradoras destacouse que, malia que a formación teórica é imprescindible, o contacto coa realidade dos centros permite coñecer situacións, ritmos de traballo e necesidades que só poden aprenderse no día a día.
O alcalde de Carballo destacou que este tipo de programas permiten que os recursos públicos destinados á formación teñan tamén un retorno directo na sociedade. “O que buscamos é que estes cursos sirvan para formar profesionais, mellorar os servizos e, en definitiva, mellorar a vida das persoas”, sinalou Daniel López.
Así mesmo, agradeceu a implicación das entidades que abren as súas portas ao alumnado e do Concello de Coristanco. “A colaboración entre administracións e entidades é fundamental para ofrecer oportunidades de formación e, ao mesmo tempo, dar resposta ás necesidades reais da sociedade”, engadiu.
Pola súa banda, o alcalde de Coristanco puxo o foco na dimensión humana das prácticas: “O máis agradable é comprobar como se desenvolve o traballo e como o perciben as persoas ás que vai dirixido. Estes días escoitamos persoas maiores destacar a atención, a delicadeza e o trato recibido. Iso demostra que estas prácticas son útiles para o alumnado, pero tamén teñen un retorno moi positivo para a comunidade”.
Ambos agradeceron tamén a implicación das entidades colaboradoras, fundamentais para que o alumnado poida completar a súa formación en contornas reais de traballo.