O Concello de Carballo iniciará este xoves, 29 de outubro, os traballos de substitución das pasarelas de madeira do paseo do río Anllóns, cun investimento que acada os 254.370 euros. A actuación, adxudicada á empresa Jardinería Arce, arrancará coa desmontaxe das estruturas actuais para preparar a colocación das novas.
As pasarelas, con arredor de tres décadas de antigüidade, presentan deterioración polo paso do tempo e a exposición á humidade. A súa substitución permitirá mellorar a seguridade e conservar as conexións entre as dúas marxes do río nun espazo de paseo e lecer para a veciñanza.
O proxecto prevé a renovación de catro pasarelas, polo que durante un período aproximado de entre dúas e tres semanas non poderá cruzarse dun lado ao outro do río. As novas estruturas conservarán a tipoloxía de madeira e o perfil curvo das existentes para manter a súa integración na contorna fluvial. Terán unha anchura de dous metros e contarán con estrutura de madeira laminada, pavimento e varandas tamén de madeira, adaptados ás esixencias técnicas actuais.
A intervención aproveitará os apoios de formigón existentes, nos que se realizarán traballos de limpeza e reparación. Ademais, incorporaranse melloras para facilitar a evacuación da auga e evitar o contacto directo da madeira cos apoios, co obxectivo de reducir os efectos da humidade e prolongar a vida útil das novas pasarelas.
Con esta actuación, o Concello de Carballo continúa co mantemento e a mellora do paseo do Anllóns, un itinerario que conecta a vila coa súa contorna natural e favorece os desprazamentos a pé e o desfrute do río.