A web oficial do concello de Carballo

O concelleiro de Mobilidade, Juan Seoane, recolle en Vitoria o Premio Ciudades que Caminan pola transformación dos Baños Vellos

O concelleiro de Planificación Urbana e Mobilidade, Juan Seoane, recolleu en Vitoria-Gasteiz o Premio Ciudades que Caminan 2026 pola transformación da contorna dos Baños Vellos. Carballo comparte con Manises o galardón na categoría de cidades medianas, un recoñecemento á recuperación progresiva do espazo público para as persoas.

A delegación carballesa estivo integrada tamén por Daniel Barreiro, concelleiro de Captación de Recursos Públicos; Milagros Lantes, representante da Alcaldía e vogal na xunta directiva da Red de Ciudades que Caminan, e Alfredo Garrote, arquitecto municipal.

O xurado valorou a visión de conxunto da intervención, a pacificación do tráfico e a mellora da mobilidade peonil. Destacou tamén o deseño urbano, a calidade dos materiais e a presenza da auga como elemento singular, dentro dunha transformación desenvolvida por fases e guiada por criterios comúns.

As actuacións abrangueron as rúas Ourense, Pontevedra, Baños Vellos, Chile, Lugo e Estrela. Ademais de mellorar a accesibilidade e crear espazos de estancia, permitiron recuperar a vinculación histórica do barrio coa auga. No cruzamento de Ourense e Baños Vellos reproduciuse no pavimento a antiga planta do balneario romano e incorporouse unha peza escultórica de Manuel Eirín.

É a segunda vez que Carballo recibe un premio da Rede, despois do obtido en 2018 polas políticas municipais de mobilidade peonil e mellora do espazo público.

O próximo congreso, en Vilagarcía

No marco do encontro celebrouse a asemblea xeral da rede, que aprobou a xestión anual e os proxectos para o próximo exercicio, ademais de elixir Vilagarcía de Arousa como sede do congreso de 2027.

A Rede reúne actualmente 98 municipios e catro deputacións, cunha poboación conxunta de máis de 16 millóns de habitantes. A súa actividade promove a recuperación do espazo público, a formación e o intercambio de experiencias para avanzar cara a cidades máis accesibles e amables para camiñar.