A web oficial do concello de Carballo

O talento do ciclo de Soldadura do IES Monte Neme que se imparte no Fórum Carballo prepárase para GaliciaSkills

O Fórum Carballo acolleu hoxe as probas para seleccionar os representantes do ciclo de grao medio de Soldadura e Caldeiraría do IES Monte Neme de cara a GaliciaSkills 2027. Xián Varela Álvarez, de Ponteceso, e Alejandro Teijeiro Andrade, de Carballo, foron os seleccionados nunha xornada que tamén serviu para poñer en valor o talento da mocidade e as oportunidades profesionais desta especialidade.

O primeiro posto foi para Xián Varela Álvarez, que destacou polas súas cualidades malia ser un dos últimos alumnos en incorporarse ao ciclo e non ter cumpridos aínda os 18 anos. Alejandro Teijeiro Andrade acadou a segunda posición. Ambos recibiron premios coa colaboración da empresa carballesa Maqresol Bergantiños, cuxos representantes formaron parte do xurado xunto con docentes.

A xornada permitiu tamén subliñar a elevada demanda de profesionais da soldadura. Javier Abucide, xerente da empresa colaboradora, asegurou que, se houbese 60 alumnos e alumnas, habería traballo para todos, unha valoración que reflicte as posibilidades de emprego que ofrece esta formación e a necesidade de persoal cualificado no sector.

Na súa intervención animou o alumnado a aproveitar as instalacións do Fórum Carballo, a experiencia do profesorado e os consellos dos profesionais que participan na súa formación. Destacou que o sector ofrece oportunidades de traballo para quen adquira unha boa preparación e amose disposición para seguir aprendendo, e expresou a vontade de colaborar achegando ferramentas e apoio á formación dos futuros profesionais. Así mesmo, agradeceu a implicación do persoal do Fórum e de todas as persoas que fan posible estas ensinanzas.

Na entrega de premios participaron persoal do Fórum Carballo e integrantes do equipo directivo do IES Monte Neme, ademais dos compañeiros e compañeiras dos candidatos, que compartiron este recoñecemento ao seu traballo e aprendizaxe.

O profesorado do ciclo de Soldadura e Caldeiraría trasladou o agradecemento ao Concello de Carballo, pola cesión das instalacións e ás empresas colaboradoras, nas que o alumnado continúa a súa formación na modalidade de FP dual intensiva. Destacou a importancia da súa implicación para que os mozos e mozas completen a aprendizaxe nunha contorna real de traballo e adquiran experiencia en contacto directo cos profesionais do sector.

Formación conectada co tecido empresarial

O ciclo de grao medio de Soldadura e Caldeiraría forma parte da oferta educativa do IES Monte Neme e impártese en réxime de FP dual intensiva nas instalacións municipais do Fórum Carballo. Este curso conta con 29 estudantes entre primeiro e segundo. A colaboración entre o Concello e a Consellería de Educación permite aproveitar os espazos e equipamentos municipais para ampliar as oportunidades de formación, cun modelo que combina a aprendizaxe no centro educativo e nas empresas.

A actividade celebrada hoxe supón un paso na preparación para GaliciaSkills 2027, o noveno Campionato Galego de Formación Profesional, que terá lugar en outubro do próximo ano no recinto da Feira Internacional de Galicia ABANCA, en Silleda. O certame reúne alumnado de distintas especialidades para demostrar, mediante probas prácticas, os seus coñecementos e destrezas profesionais, ao tempo que contribúe a dar visibilidade á FP e a reforzar a súa relación co mundo empresarial.