A web oficial do concello de Carballo

Investigadores/as da Academia Joven de España achegan a ciencia ás aulas de Carballo

Daniel García González, coordinador da Academia Joven de España e profesor na Universidade Carlos III de Madrid, impartiu esta mañá unha charla ao alumnado do  ciclo superior de Telecomunicacións do IES Monte Neme de Carballo sobre a robótica branda e a súa aplicación na investigación.

O profesor faloulles aos futuros telecos sobre os materiais intelixentes e a súa utilización na creación de robots brandos que sexan capaces de controlar as nosas células e explicoulles de forma didáctica como se «deseñan materiais capaces de moverse, de cambiar a súa forma e de responder a estímulos como os campos magnéticos para estudar o comportamento das células e abrir novas vías de investigación en medicina e tecnoloxía».

A charla forman parte do proxecto «Talento Quilómetro Cero (TALK0)», financiado no marco do prograna Horizonte Europa (ACCIÓNS MARIE SKŁODOWSKA-CURIE – MSCA AND CITIZENS) dentro das actividades do «Researchers at schools», e buscan espertar a curiosidade, estimular vocacións científicas e ofrecer unha visión próxima e diversa da investigación a través do contacto directo coas persoas que a desenvolven.

Na súa intervención Daniel García eloxiou a iniciativa do proxecto e subliñou o compromiso do Concello de Carballo por coordinar esta iniciativa xunto á Universidade da Coruña e á Academia Joven de España e darlles acceso aos investigadores a este tipo de público que fomentan a investigación nos máis mozos da sociedad.

O coordinador da Academia Joven de España explicoulles aos estudantes «a necesidade de invertir en ciencia básica e deixarnos levar pola curiosidade e por preguntas que, a priori, están desconectadas coa aplicación específica do ámbito no que estudamos ou traballamos, pero das cales podemos aprender moitas cousas» e indicou que ese foi o seu caso, que o non pecharse á investigación deulle «novas formas de pensar e camiños novos que descubrir».

Daniel García comentou que ante o reto de realizar estas charlas a mozos e mozas tan novos e sen contacto directo coa investigación a alto nivel sempre busca «democratizar a ciencia e a tecnoloxía, que sexamos capaces de non quedar só en Madrid e Barcelona, que poidamos levala a rexións máis rurais» e sobre todo ser capaz de «activar esa chispa no alumnado que o inspire a seguir, a estudar e a xerar conciencia da importancia  da ciencia e da investigación, especialmente no mundo no que estamos».

Tras a charla Daniel García comentou que sempre é agradable ver «esa sorpresa dos rapaces e rapazas  ante o que se lle explica» e, sobre todo, é moi positivo ver as preguntas que lle fan «que logran que reflexione e coas que me leva ilusión e esperanza de que estas novas xeracións o van facer moito mellor ca nós».

Arqueoloxía e fisioloxía, os vindeiros encontros

Tras a charla de hoxe no IES Monte Neme, mañá, venres 23 de outubro, Marta Sánchez de la Torre, profesora agregada de Prehistoria da Universitat de Barcelona, ofrecerá dúas novas charlas sobre a investigación arqueolóxica e as ferramentas que permiten reconstruír o pasado. A primeira será no IES Alfredo Brañas para alumnado da ESO e despois trasladarase ao CPR Artai, onde se reunirá con escolares de terceiro a sexto de primaria.

Tamén o venres, o IES Alfredo Brañas recibirá a Arnau Busquets-García, investigador que dirixe o grupo de Mecanismos celulares na conduta fisiolóxica e patolóxica do Hospital del Mar Research Institute en Barcelona, nun encontro co alumnado de ESO, bacharelato e do ciclo superior de Comercio Internacional.

Deste xeito, o proxecto TALK0 continúa achegando a investigación á comunidade educativa de Carballo. As catro sesións introducirán nas aulas unha visión diversa da ciencia, co contacto directo coas persoas que fan posible estes avances.

Proxecto TALKO

Estas actividades están dentro do proxecto europeo “TALK0 – Km0 Talent: Connecting local science with the citizens of Carballo”, financiado no marco do programa Horizonte Europa, convocatoria MSCA and Citizens (HORIZON-MSCA-2025-CITIZENS-01-01) e ao amparo do  convenio de colaboración institucional entre a Academia Joven de España (AJdE), o Concello de Carballo e a Universidade da Coruña (UDC).

No apartado “Investigadoras e Investigadores nas Escolas” o proxecto TALK0 busca chegar ao 60% do alumnado de Carballo (uns 2.200 alumnos) a través de actividades de divulgación científica que conecten a investigación europea coa vida cotiá do alumnado e inspiren vocacións científicas, especialmente entre nenas e estudantes de contornas rurais, a través da presentación de diversas referencias (40% mulleres investigadoras, investigadoras de orixe rural, investigadoras/es do MSCA) e actividades que desmitifican a carreira investigadora.