O Concello de Carballo vén de executar un proxecto de mellora da accesibilidade e do espazo público que inclúe actuacións na intersección das rúas Perú e Baixa, na zona da Braña, e no cruce das rúas Mirtos, Xeranios e Orquídea, no Barrio das Flores. As intervencións pretenden avanzar cara espazos urbanos máis accesibles, seguros e amables, ao tempo que se recuperan pequenas áreas para o uso e o encontro da veciñanza.
A intervención no cruce das rúas Mirtos, Xeranios e Orquídea combina melloras de seguridade viaria e de calidade do espazo público. A nova configuración do cruzamento obriga aos vehículos a moderar a velocidade e permite, ao mesmo tempo, crear unha zona de estancia con bancos, arborado e lousa céspede.
Como parte da reorganización da mobilidade neste ámbito, implantáronse ademais sentidos únicos de circulación nas rúas Mirtos e Xeranios, co obxectivo de ordenar o tráfico e incrementar a seguridade. A actuación complétase coa creación dunha beirarrúa provisional que dá continuidade ao itinerario peonil ata a marquesiña cuberta situada uns metros máis arriba, o que facilita os desprazamentos a pé e mellora a accesibilidade á parada.

Na rúa Perú, a actuación permitiu transformar unha zona que ata o de agora funcionaba como unha pequena illa delimitada unicamente mediante pintura. Ese espazo foi acondicionado con lousa céspede, ampliouse a superficie destinada ás persoas e creouse unha pequena praza equipada cun banco, mellorando tanto a funcionalidade como a imaxe deste punto da rúa.
O concelleiro de Mobilidade e Planificación, Juan Seoane, destaca que este tipo de intervencións “permiten actuar en puntos moi concretos da cidade pero cun efecto importante no día a día: reducimos espazo destinado exclusivamente aos vehículos, facemos máis seguros os cruces e gañamos lugares para camiñar, sentar ou convivir. Ademais, incorporar arborado e mobiliario axúdanos a facer espazos públicos con máis calidade e identidade”.
Estas actuacións forman parte da estratexia municipal de mellora progresiva do espazo público, e da aposta do Concello de Carballo por unha mobilidade máis segura e por incorporar zonas verdes, espazos de estancia e novos elementos de calidade urbana alí onde a configuración das rúas o permite.