A corporación municipal vén de aprobar o novo contrato do servizo de axuda no fogar, que polo seu importe, próximo aos 11 millóns de euros para cinco anos, tiña que ser ditaminado polo pleno. Na sesión ordinaria celebrada este xoves pola mañá, nun día e nun horario inhabituais para que non coincidise coas festas de San Xoán, todos os grupos políticos coincidiron na importancia crecente do servizo.
Segundo figura no prego do contrato, cada ano préstanse 74.568,36 horas de servizo de atención a persoas dependentes en horario ordinario, 6.869,39 horas en días festivos e 2.872,8 horas de libre concorrencia. Son cifras estimadas, porque a demanda varía dun día para outro. Nestes momentos, o número de persoas usuarias supera as 390, tal como indicou a concelleira de Servizos Sociais, Maica Ures.
As cifras falan por si soas. Como apuntou o alcalde, Evencio Ferrero, “legalmente os concellos temos, exclusivamente, a responsabilidade da organización do servizo. O financiamento corresponde nun 50% á Administración do Estado e no outro 50% á Xunta de Galicia, e estamos vendo un movemento cada vez máis profundo, de concellos de todo tipo de ideario político, que piden que as dúas Administracións asuman o que lles corresponde pola Lei de Dependencia”.
Mentres iso non ocorra, o Concello de Carballo debe facer fronte cada ano a unha porcentaxe elevada do custe do servizo, que se distribúe do seguinte xeito:
Servizo de axuda no fogar para persoas dependentes
- Importe total anual: 2.247.719,77 euros (26,66 euros/hora)
- Achega da Xunta de Galicia: 12 euros/hora
- Achega do Concello de Carballo: 10,61 euros/hora (846.123,41 euros)
Servizo de libre concorrencia, SAS e sociofamiliar
- Total anual estimado: 76.590,71 euros
- Achega da Xunta de Galicia: inferior aos 3 euros/hora
- Achega do Concello de Carballo: 39.031,66 euros (13,59 euros/hora)
O contrato tamén inclúe un número determinado de horas de fisioterapia, podoloxía, psicoloxía e peiteado que deberá prestar a empresa adxudicataria, así como as axudas técnicas necesarias.
A proposta foi aprobada cos votos a favor de BNG e PSOE, mentres que o PP abstívose.