O Fórum Carballo acolleu este martes a inauguración da cuarta edición do Programa de Formación Universitaria para Maiores de 50 anos da Universidade da Coruña, que se desenvolverá ata o 20 de novembro coa colaboración do Concello de Carballo e a Xunta de Galicia.
Nesta edición participan 120 persoas procedentes de Carballo e doutros catro concellos da contorna. Ademais, puideron ser admitidas todas as solicitudes presentadas, o que confirma un ano máis o interese que esperta esta proposta formativa.
No acto inaugural participaron o alcalde de Carballo, Daniel Pérez; a concelleira de Educación e Terceira Idade, Mar Eirís, e Isabel Raposo, subdirectora de Programas Transversais, Alumnado e Actividades da Universidade Sénior.
Mar Eirís agradeceu a participación das persoas que, ano tras ano, apostan por esta iniciativa e puxo en valor ointerese da poboación adulta por continuar formándose ao longo de toda a vida. A concelleira destacou tamén outra das dimensións fundamentais da Universidade Sénior, a súa capacidade para crear espazos de encontro, favorecer as relacións persoais e contribuír á socialización.

Pola súa banda, Isabel Raposo tivo palabras de recoñecemento para o traballo desenvolvido durante estes anos polo equipo encabezado por Matilde García Sánchez, ata agora directora da Universidade Sénior, e destacou a variedade e actualidade dos asuntos que se abordarán nesta cuarta edición. Raposo anunciou ademais un cambio no horario da sesión do vindeiro 20 de outubro, que comezará ás 16.30 horas, media hora antes do horario inicialmente previsto.
O alcalde, Daniel Pérez, destacou que a Universidade Sénior ofrece moito máis ca formación académica. “Permítenos aprender, descubrir outros puntos de vista e comprender mellor o mundo no que vivimos, pero tamén é un lugar para coñecerse, compartir experiencias e facer amizades”, sinalou.
Daniel Pérez reafirmou tamén o compromiso do Concello con este tipo de propostas. “As ganas de aprender merecen atopar portas abertas en todas as etapas da vida”, afirmou, ao tempo que animou ás persoas participantes a aproveitar as clases, preguntar, compartir os seus coñecementos e contribuír coas súas propias experiencias a enriquecer as aulas.
Nove sesións ata novembro
A programación comezou este martes coa sesión O xigante esperto: China, a gran descoñecida, a cargo do profesor Iván Nieto Cerdeiriña.
O primeiro módulo, dedicado ás Humanidades e Ciencias Sociais, continuará o 20 de outubro con As consecuencias do delito: da privación de liberdade a outras sancións restritivas de dereitos, impartida por Eva Mª Souto García e Luz Mª Puente Aba, e o día 21 con Arte de vangarda: Manual de instrucións, de Fernando Agrasar Quiroga.
O módulo de Ciencias da Terra e Tecnoloxía desenvolverase entre finais de outubro e principios de novembro. O día 27, Miriam Timiraos Díaz falará sobre A revolución dixital na xestión da auga; o 28, Socorro Castro García abordará a pregunta O coche do futuro moverase con hidróxeno?, e o 3 de novembro Lucía Paz Aldrey impartirá a sesión Economía aplicada e transición ecolóxica: enerxías renovables.
Finalmente, o módulo de Ciencias da Vida e da Saúde incluirá tres sesións: A saúde que nace da participación, con Silvia Veiga Seijo, o 11 de novembro; Cambio climático: causas, consecuencias e solucións, con Salvador Fojón Polanco, o día 12, e Evolución ou extinción: eu decido, con Esther Fernández Fernández, o 17 de novembro.
A cuarta edición da Universidade Sénior en Carballo rematará o 20 de novembro cun acto de clausura e entrega de diplomas.
A través deste programa, a Universidade da Coruña e o Concello de Carballo continúan achegando a formación universitaria ás persoas maiores de 50 anos e promovendo tanto a aprendizaxe permanente como a participación social e o intercambio de experiencias.
